- Para incrementar o parque de inmobles protexidos na cidade, os orzamentos da Consellería
para 2020 reservan unha partida 700.000 euros para actuar no SUNP-13
- A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor compostelán Xosé Sánchez Bugallo tamén acordaron
avanzar xuntos para desbloquear a situación actual do proxecto de Xoán XXIII, co fin de destinar
esta parcela á construción de vivenda protexida
- Así mesmo e tras crearse a comisión técnica entre Concello e IGVS para impulsar o polígono
da Sionlla, ambas administracións colaborarán para axilizar a concesión de licencias e a
implantación de novas empresas nas parcelas disponibles
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019-. Os orzamentos da Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o próximo ano reservarán unha partida de 700.000 euros
para iniciar a construción de 24 novas vivendas de protección pública (VPP) no SUNP-13,
concretamente na parcela localizada na estrada da Estrada. Así llo comunicou a conselleira Ángeles
Vázquez ao rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, con quen mantivo esta mañá unha reunión para
abordar diversos asuntos de interese municipal nos que o Concello aspira a contar coa colaboración
do departamento autonómico.
Así, ambos mandatarios afondaron na situación da cidade en materia residencial e, máis
concretamente, no que respecta á necesidade de ampliar o actual parque de vivendas protexidas. Con
este fin, e a maiores destas 24 novas VPP con orzamento comprometido xa para 2020, ambas
administracións colaborarán para axilizar o máximo posible os trámites necesarios para a
construción doutras 36 vivendas de protección pública no chamado SUNP-12, que abrangue Lamas de
Abade e O Castiñeiriño.
Así mesmo, a conselleira e o alcalde tamén acordaron traballar xuntos co fin de desbloquear a
situación do proxecto construtivo de Xoán XXIII e lograr destinar esta parcela –propiedade do
Instituto Galego da Vivenda e Solo- á execución de novas vivendas protexidas. O obxectivo, segundo
explicaron, é dotar á cidade dun mínimo de 60 novas VPP nos próximos anos, coa intención de que o
SUNP-12 poida contar con proxectos de execución e orzamento comprometido xa no ano 2021.
Na mesma liña e en resposta á necesidade de incrementar a oferta residencial pública en
Santiago, Ángeles Vázquez avanzou que a Xunta e o Concello de Santiago colaborarán tamén para
darlle un pulo ao programa de Vivendas Baleiras nesta cidade, ao tempo que animou ao rexedor a
seguir o exemplo da Xunta e urbanizar e poñer á venda o solo residencial de propiedade municipal,
co fin de mobilizalo e contribuír deste xeito a fomentar a construción de vivendas protexidas,
tanto de iniciativa pública como privada.
De feito, a Consellería de Medio Ambiente prevé sacar ao mercado nos vindeiros meses todo o
solo residencial que ten dispoñible Xestur para facilitar así a construción de novas VPP nas sete
grandes cidades, poñendo ao alcance dos promotores interesados parcelas xa urbanizadas e listas
para edificar.
Neste sentido, a responsable autonómica tendeulle a man ao Concello compostelán, ofrecéndolle
o apoio do seu departamento, a través da nova liña de axudas dirixida a promotores municipais e
privados, para que a empresa municipal de vivenda e solo de Santiago (Emuvissa) tamén poida
promover máis vivenda protexida.
Por último, en materia de rehabilitación, Ángeles Vázquez lembrou tamén que o próximo ano a
capital galega contará, como mínimo, con 2,68 millóns de euros en axudas para a recuperación de
inmobles nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) desta cidade.
Este investimento, como lle trasladou ao alcalde, correspóndese co orzamento consignado na
convocatoria de 2018 e que os propietarios poderán ir certificando ao longo do próximo ano; e
haberá que sumar os fondos que se lle poidan consignar cando se publique a orde de axudas de 2020,
cun orzamento global de 6,5 M€ para todas as ARIs declaradas en Galicia.
Parque da Sionlla
O futuro da área empresarial da Sionlla volveu ser outro dos asuntos principais da xuntanza,
durante a que ambos mandatarios coincidiron na importancia de colaborar e traballar da man para
relanzar a actividade no parque. Con este obxectivo, e tal e como acordaran a conselleira e o
alcalde durante a súa primeira reunión en setembro, xa se puxo en marcha un grupo de traballo
técnico e con representación de ambas administracións, que será o encargado de propoñer accións e
medidas coas que acadar a ocupación plena do polígono.
Neste sentido, a conselleira indicou que Xunta e Concello seguirán traballando xuntos co
obxectivo de axilizar a concesión de licenzas e facilitar a implantación de novas empresas nas
parcelas dispoñibles nesta gran área empresarial da cidade, co obxectivo de convertelo nun hub
tecnolóxico.
Cómpre lembrar que A Sionlla foi un proxecto promovido polo IGVS cun investimento total de
máis de 74 millóns de euros. Desde a súa posta en servizo, a finais do ano 2012, adxudicáronse máis
de 429.000 metros cadrados vía concursos, ventas directas ou proxectos singulares dos 758.000 cos
que conta o parque para uso industrial e comercial.
Na actualidade, o polígono ten aínda algo máis de 320.000 metros cadrados de solo dispoñible
para venta -con bonificacións do 30% sobre o prezo oficial- ou para a súa adxudicación na
modalidade de dereito de superficie, é dicir, a cambio do pago dun canon anual moi reducido que lle
dá á empresa opción de compra.