Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE DESTINARÁ ESTE ANO 300.000 EUROS Á SUBSIDIACIÓN DE PRÉSTAMOS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDAS E EDIFICIOS RESIDENCIAIS

• A partir de mañá os interesados poderán optar a acollerse a este programa, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o día 30 de setembro
• Ademais da concesión do préstamo por parte dalgunha das entidades financeiras colaboradoras, as persoas físicas que resulten beneficiarias tamén poderán recibir unha axuda do Instituto Galego da Vivenda e Solo consistente na subsidiación de ata o 100% dos xuros por un período máximo de catro anos

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 296.780 euros á subsidiación dos xuros dos préstamos que se concedan este ano para a rehabilitación de vivendas e de edificios de carácter residencial. As axudas, que na convocatoria de 2020 disporán dun 45% máis de orzamento que na anterior, poderán solicitarse a partir de mañá e ata o próximo 30 de setembro a través da liña de préstamos incluída no Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda (Plan RehaVIta) 2015-2020 e que hoxe foi publicada no DOG.

Estas axudas van dirixidas ás persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. As comunidades de propietarios tamén poderán obter préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios residenciais, se ben non as axudas para a subsidiación dos xuros. Igualmente, poderán beneficiarse, a título individual, os membros destas comunidades que participen nas actuacións promovidas, en función da súa porcentaxe de participación.

Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia do solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), mentres que para acceder ás axudas económicas directas, fíxase o límite en 5,5 veces o IPREM.

A concesión do préstamo polas entidades financeiras que teñen asinado a día de hoxe o convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo -Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank e Banco Sabadell- poderá ir acompañada dunha axuda da Xunta consistente na subsidiación dos xuros destes préstamos para as persoas que cumpran os requisitos previstos, coa excepción dos préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios.

A porcentaxe da subsidiación dos xuros e a súa duración poderá chegar ao 100% durante un máximo de catro anos, pero dependerá en todo caso do nivel de ingresos da unidade de convivencia do beneficiario, segundo se reflicte no seguinte cadro:

 

INGRESOS

Subsidiación

Duración máxima

Menor ou igual a 4 Iprem

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5 Iprem

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5 Iprem

Sen subsidiación

Duración do préstamo

Os préstamos poderán formalizarse con garantía hipotecaria ou persoal e estarán exentos de calquera tipo de comisión. No caso de préstamos con garantía hipotecaria, o importe máximo será de 60.000 euros, mentres que para os préstamos con garantía persoal o límite será de 30.000 euros.

No caso de préstamos solicitados directamente por comunidades de propietarios, a contía total concedida non poderá exceder do menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou ben 10.000 euros por vivenda integrante da citada comunidade de propietarios.

O prazo de amortización poderá establecerse entre seis meses e 15 anos, cun período de carencia inicial de ata dous anos, como máximo. No caso de préstamos solicitados directamente por comunidades o prazo de amortización será de ata 10 anos.

A concesión, en todo caso, estará suxeita á avaliación dos riscos por parte das entidades financeiras e para acceder aos mesmos, as persoas promotoras das actuacións de rehabilitación deberán obter previamente unha resolución de acceso ao financiamento, que emitirá o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Cómpre lembrar que nas convocatorias deste programa dos anos 2017, 2018 e 2019 concedéronse 68 préstamos en total.

O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tal como se indica no seguinte cadro:

 

 

Garantía

Tipo fixo

Tipo variable

Inicial

(24 meses)

Resto

Persoa física

Hipotecaria

1,90

1,75

Euribor a 1 ano + 1,25

Persoa física

Persoal

5,25

5,25

Euribor a 1 ano + 4

Comunidade de propietarios

Persoal

5,00

-

Euribor + 4%