Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DECLARA A ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DA RIBEIRA SACRA, QUE COMPRENDE 25 CONCELLOS DAS PROVINCIAS DE OURENSE E LUGO

• Ao abeiro desta ARI os propietarios de vivendas poderán recibir ata 16.000 euros por actuación para a rehabilitación de vivendas
• Os concellos poderán recibir 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada para destinalos a actuacións de urbanización e reurbanización
• Un 40 por cento das vivendas que se integran no ámbito da ARI necesitan actuacións de rehabilitación e mellora
• A primeira convocatoria de axudas prevese para o mes de abril e estará dotada cun millón de euros

Santiago, 20 de febreiro de 2020.- A Ribeira Sacra é a nova Área de Rehabilitación Integral de carácter supramunicipal que se declara en Galicia, xunto coa ARI dos Camiños de Santiago e a ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, informou esta decisión tras coñecer o Informe presentado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A área de rehabilitación da Ribeira Sacra comprende un total de 25 concellos das provincia de Lugo e Ourense, que son: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadañedo. No seu conxunto, os 25 concellos que conforman esta área de rehabilitación teñen un total de 433 parroquias, cunha superficie total de 2.990 quilómetros cadrados.

Os obxectivos específicos da declaración desta ARI son a mellora das vivendas situadas nas parroquias e nos seus núcleos de poboación, que presentan edificacións en estado de abandono ou sen un mantemento adecuado, así como a mellora das instalacións públicas, vías de comunicación e dos espazos de relacións.

O territorio da Ribeira Sacra caracterízase por ser disperso e contar con moitas vivendas susceptibles de rehabilitación, así como polas carencias de accesibilidade nos espazos públicos. Neste territorio está a producirse unha degradación paulatina en determinadas vivendas, o que require unha intervención que teña como finalidade a realización conxunta das seguintes actuacións:

• A rehabilitación e renovación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares para a mellora funcional, a conservación e o mantemento con fin de adecualas aos estándares previstos pola normativa vixente.
• A mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade.
• A mellora das condicións de seguridade de utilización e da accesibilidade en edificios e vivendas.
• aumento da ocupación dos edificios e vivendas e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
• A mellora das instalacións públicas de auga e enerxía, e mellora na conexión das redes de datos.
• A mellora da calidade do medio urbano: mellora dos accesos ás vivendas, a realización de traballos de mantemento, consolidación, pavimentación de vías, e instalación de mobiliario público.

Segundo o estudo previo realizado para a declaración desta ARI, o 60 por cento das vivendas do seu ámbito teñen un estado bo ou suficiente, mentres que un 35 por cento atópanse en estado regular-malo ou malo e o 5 por cento restante en estado ruinoso.

Ao abeiro da área de rehabilitación integral a Xunta de Galicia concederá axudas aos propietarios das vivendas para a súa rehabilitación e aos concellos para a realización de obras de urbanización e reurbanización no ámbito da ARI.

Os propietarios das vivendas poderán obter ata un máximo de 16.000 euros por actuación, mentres que as axudas aos concellos están condicionadas polo número de vivendas que se rehabiliten no seu ámbito, recibindo ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada.

O obxectivo inicial da ARI é a rehabilitación de polo menos 2.000 vivendas durante os dez primeiros anos de vixencia da mesma, a parte das obras de urbanización e reurbanización que realicen os concellos. Os fondos que se destinen á ARI por parte da Xunta de Galicia iranse reaxustando cada ano en función da demanda de axudas que se rexistre.

Ao tratarse dunha área de rehabilitación supramunicipal a xestión da mesma corresponderá ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, como xa sucede nas aris dos Camiños de Santiago e das Illas Atlánticas. Unha vez declarada a ARI, será a Xunta a encargada de realizar as xestións necesarias para a sinatura do acordo de cofinanciamento do Ministerio. O obxectivo é que o acordo de asine no mes de marzo e a primeira convocatoira de axudas, dotada cun millón de euros, se poida facer pública no mes de abril.

Plan Estratéxico da Riberia Sacra
A declaración desta ARI é unha das medidas que recolle o Plan Estratéxico de Actuación Ambinetal e Ordenación urbana na Riberia Sacra, impulsado pola Xunta de Galicia, que implica a execución dun paquete de actuacións ambientais e de ordenación do medio físico na Ribeira Sacra, e ao que se destina algo máis 3,5 millóns de euros.

Grazas a este plan, se mellorará a planificación e a protección deste territorio a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental, regulando tamén a intervención no mesmo; ao tempo que sirve de apoio á dobre candidatura da Ribeira Sacra a ser declarada como Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial da Humanidade.

Entre as medidas destacadas están a elaboración dun Plan de Ordenación do Medio Físico para San Fiz de Asma, a reformulación das Áreas de Especial Interese Paisaxístico ou actuacións ao abeiro do Plan hUrbe.