Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE SOLICITA A COLABORACIÓN DOS ADMINISTRADORES DE FINCAS PARA EXECUTAR O 100% DOS FONDOS RESERVADOS ÁS AXUDAS EN MATERIA DE VIVENDA

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con representantes e asociados do Colexio de Admnistradores de Fincas de Galicia, aos que lles trasladou que esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia publicou cinco ordes de axudas por un importe global de 8,25 millóns de euros

Santiago de Compostela, 28 de febreiro do 2020
-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión con representantes e asociados do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, aos que lles trasladou a súa necesaria colaboración e implicación para facer que o 100% do orzamento que a Xunta de Galicia mobiliza nas distintas ordes de axudas en materia de vivenda cheguen aos seus destinatarios.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que os Administradores de Fincas teñen un papel moi importante para mellorar a calidade de vida e os servizos das comunidades de veciños. Nese sentido, Vázquez Mejuto recordou que esta mesma semana o Goberno galego publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de cinco ordes de axudas en materia de vivenda por un importe global de 8,25 millóns de euros.

Ademais das axudas para o programa de vivendas de mestres e ás Áreas de Rehabilitación Integral, tamén se convocaron as subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018– 2021.

Este programa, dotado cun orzamento de cinco millóns de euros, establece dúas liñas de axudas. Por unha banda, as de fomento da mellora da eficacia enerxética e da sustentación en vivendas; que permite financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentación, con especial atención á envolvente edificatoria; e, por outra, as de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. Entre as actuacións subvencionables están as relativas á conservación da cimentación, da estrutura, das instalacións, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade e outros como a instalacións de sinalización, elementos electrónicos de comunicación, domótica e calquera elemento que facilite a accesibilidade.

A conselleira agradeceu o traballo que realiza este colectivo, pois son un vehículo de conexión e unha canle de difusión para facer chegar aos posibles beneficiarios as distintas axudas públicas que cada ano convoca a Administración, así como para guialos e asesoralos na tramitación necesaria para acceder ás mesmas.