Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE ANALIZARÁ A DELIMITACIÓN DA ÁREA REXURBE PROPOSTA POLO CONCELLO DE RIBADAVIA

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda traslada ao rexedor municipal que o Instituto Galego de Vivenda e Solo analizará este proxecto municipal, que recolle a primeira Lei de rehabilitación de Galicia
• Esta nova iniciativa súmase ás actuacións en materia de rehabilitación no municipio, como a oferta de adquisición de inmobles do Programa Rexurbe e das actuacións promovidas na Área de Rehabilitación Integral, declarada no municipio


Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020
.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de recibir a proposta do Concello de Ribadavia para a delimitación dunha Área Rexurbe neste municipio.

Así llo confirmou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil, co que mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia e ao que lle adiantou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo procederá agora coa súa análise para, de non ter que introducir cambios nin modificacións, o Concello poida presentar a solicitude oficial, co fin de que o Consello da Xunta proceda a súa aprobación definitiva no mes xuño.

O documento, elaborado e presentado pola Administración local, é un traballo no que se recolle e explica como se atopa dito ámbito e se esbozan as liñas principais de actuación propostas polo Concello para promover a súa recuperación e dinamización, que despois terán que detallar e ampliar no Plan de Dinamización, onde se deben detallar –entre outros aspectos- as medidas a adoptar e actuacións que se deben levar a cabo, o custe estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para executalas. Para a redacción deste plan de dinamización, o Concello conta cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo o establecido na Lei de rehabilitación.

A conselleira trasladou unha vez máis o apoio e colaboración do IGVS -que tamén asesorou ao Concello no marco dun grupo de traballo para iniciar os trámites para a declaración da Área Rexurbe- para aprobar esta nova figura, creada ao abeiro da Lei de rehabilitación e renexeración e renovación urbanas de Galicia, vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral; xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

Vázquez Mejuto animou ao rexedor municipal a manter o ritmo de traballo e conseguir que a Área Rexurbe de Ribadavia sexa unha das próximas áreas que se declare en Galicia, pois o pasado 13 de febreiro declarou á correspondente a Mondoñedo e o Concello da Coruña tamén está a traballar nun proxecto para a declaración dunha área Rexurbe, na Cidade herculina.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que en Ribadavia se están a levar a cabo varias actuacións en materia de rehabilitación, xa que é un concello que está incluído no Programa Rexurbe. Explicou que se trata dunha iniciativa da Xunta para rehabilitar conxuntos históricos e zonas especialmente degradadas desde un punto de vista tanto arquitectónico como social, impulsando que volvan ser centros de actividade social, cultural e económica e -como non- un motor para o seu entorno. No caso concreto de Ribadavia, ao abeiro deste programa, adquiriuse un inmoble na rúa Cervantes, 16.

Asemade, no Concello de Ribadavia hai declaradas dúas Áreas de rehabilitación integral, a ARI do Casco Histórico de Ribadavia e a ARI Casco Histórico San Cristovo – Ribadavia, ás cales se destinaron desde o ano 2009 case 900.000 euros, en actuacións xa rematas ou en curso.