Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

AS BASES PARA PODER ACCEDER ÁS AXUDAS PARA REHABILITACIÓN NA ARI DA RIBEIRA SACRA SAIRÁN PUBLICADAS ESTE XOVES

• Unha vez saia no DOG a resolución, está previsto que nuns días se abra oficialmente a convocatoria para poder acollerse a esta liña de subvencións
• A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá unha das vivendas de mestres municipais que se rehabilitaron con fondos da Xunta en Sober, un dos concellos incluídos dentro da nova área de rehabilitación integral
• O Instituto Galego da Vivenda e Solo construirá tamén tres vivendas protexidas con técnicas modulares no núcleo urbano do municipio lucense

Sober (Lugo), 29 de xuño de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publicará este xoves, 2 de xullo, as bases reguladoras das axudas para financiar actuacións de recuperación nas vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra. Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Sober, un dos 25 concellos que integran o ámbito de actuación desta nova ARI.

Unha vez publicadas as bases cos criterios e condicións que regularán o acceso ás axudas, a conselleira explicou que en cuestión de días procederase á súa convocatoria pública para o ano 2020. A dotación inicialmente prevista ascende a 850.000 euros, uns fondos que se destinarán a financiar actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios localizados dentro da ARI, que foi declarada o pasado 21 de febreiro no marco do Plan de Acción Estratéxico da Xunta para reactivar urbanística e ambientalmente a Ribeira Sacra e está xestionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) debido ao seu carácter supramunicipal.

Ángeles Vázquez enmarcou este esforzo investidor do seu departamento na Ribeira Sacra na aposta da Xunta por rehabilitar e recuperar o xa construído. Precisamente, o Concello de Sober é un bo exemplo destas políticas, xa que nos últimos anos acolleuse a varias liñas de subvención do IGVS para impulsar actuacións de rehabilitación residencial no municipio.

De feito, a responsable de Medio Ambiente visitou hoxe unha das tres vivendas propiedade do Concello que foron restauradas nos últimos anos con cargo ás axudas do Programa de vivendas de mestres e outros oficios de 2018. Localizadas no Bario de Outeiro (a que se visitou) e na Praza do Pulpo, a Consellería realizou un investimento final de 92.200 euros na rehabilitación destes tres inmobles, que se adxudicarán en réxime de vivenda protexida.

Do mesmo xeito, Ángeles Vázquez indicou que acaba de concedérselle ao Concello de Sober dúas novas axudas con cargo á convocatoria 2020 do programa de vivendas de mestres, o que lle permitirá investir máis de 116.000 euros na restauración de dous inmobles no Lugar de Vilarmaior e doutro máis na rúa Comercio.

Así mesmo, a conselleira e o alcalde de Sober tamén visitaron unha parcela localizada no Camiño do Palacio, en pleno núcleo urbano, na que está prevista a construción de tres vivendas de promoción pública. Cun orzamento estimado de preto de medio millón de euros, o contrato para a redacción do proxecto e a execución da obra foi adxudicado o ano pasado e nestes momentos o seu inicio tan só está pendente da licenza municipal.

O futuro edificio residencial albergará tres vivendas de tipo unifamiliar entre medianeiras nas que se empregarán en parte elementos de construción modulares prefabricados. Esta é a principal particularidade dos inmobles, que terán unha superficie útil media de 108 metros cadrados e a maiores contarán cun pequeno xardín traseiro, patio interior, garaxe e rocho.

O prazo de execución previsto para as obras é de oito meses e unha vez estean rematadas, as tres vivendas unifamiliares incorporaranse ao parque público residencial do Concello de Sober para ser adxudicadas entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes.