Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INICIA O PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DE TRES VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO CONCELLO DE PONTEVEDRA

• Os inmobles están localizados na rúa Alemaña, no barrio de Monteporreiro, e teñen tres dormitorios, rocho e unha superficie útil de 75 metros cadrados
• Os adxudicatarios provisionais sairán dun sorteo ante notario o 19 de novembro entre as persoas que estean inscritas ou que pediran a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o Concello de Pontevedra

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020-.
A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento de selección dos adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Monteporreiro que foron obxecto dunha actuación de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética por parte do IGVS, cun investimento de case 600.000 euros.

Segundo consta na resolución que publica hoxe o DOG, as tres VPP están localizadas na rúa Alemaña e teñen unha superficie útil de 75 metros cadrados, pensadas para unidades familiares de catro ou máis membros. Nos tres casos as vivendas constan de tres dormitorios e levan vencellado un rocho.

A adxudicación producirase en réxime de propiedade ou arrendamento. As condicións que deberán cumprir as persoas beneficiarias será estar inscrito ou ter a solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o municipio de Pontevedra a día de hoxe, ter uns ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, residir ou traballar no concello no que se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar, e carecer de vivenda en calidade de propietario.

As tres VPP adxudicaranse nun só lote mediante sorteo ante notario, que se celebrará ás 10.00 horas do día 19 de novembro. Deste procedemento sairá unha lista de adxudicatarios provisionais, seguindo a mesma orde de selección que se derive do propio sorteo.

O feito de resultar adxudicatario provisional dunha destas vivendas, de calquera xeito, non determinará a condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos para o acceso á VPP. No caso de que algún integrante la lista non cumpra os requisitos será excluído da mesma.

Os adxudicatarios provisionais resultantes do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Pontevedra, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web deste organismo. En todo caso, despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados disporán dun prazo de 10 días desde a publicación para presentar a correspondente reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.

Lista para vacantes
Por outra parte, o DOG tamén publica hoxe outra resolución da Comisión Provincial de Vivenda pola que se inicia o procedemento de selección de adxudicatarios para aquelas vivendas de promoción pública que poidan quedar vacantes ao longo do ano noutras promocións existentes na cidade.

A través desta lista poderase asignar en segundas e posteriores adxudicacións as vivendas de promoción pública que actualmente están alugadas, de modo que se axilice o procedemento no momento en que queden baleiras pola renuncia dos seus actuais adxudicatarios. Neste caso o sorteo realizarase tamén o 19 de novembro, ás 10,30 horas.