• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión por
videoconferencia co alcalde de San Cibrao das Viñas ao que lle trasladou este avance relativo a
esta área empresarial
• A modificación proposta ten por finalidade recoller as variacións durante as obras de
urbanización e permitir instalación dun aparcadoiro para camións, instalacións hoteleiras e unha
estación de servizo en dúas parcelas desta superficie
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro
Fernández Moreiras, que o departamento que dirixe someterá nos vindeiros días a trámite ambiental o
proxecto sectorial da Cidade do Transporte.
Ángeles Vázquez mantivo unha reunión, por videoconferencia, co rexedor municipal na que lle
informou dos avances e da tramitación realizados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo relativa a
esta superficie empresarial.
A modificación do proxecto sectorial consiste na modificación de varias parcelas de uso
dotacional privado, que os empresarios do Polígono de San Cibrao pretenden adquirir dúas parcelas
de case 20.000 m2, para instalar un aparcadoiro de camións, instalacións hoteleiras e unha estación
de servizo.
Nese sentido, a conselleira trasladou a máxima colaboración técnica por parte da Dirección
Xeral de Calidade Ambiental e do IGVS, para sacar adiante esta modificación deste proxecto, que foi
promovido pola Xunta de Galicia, administración que destinou un orzamento de máis de 1,5 millóns de
euros para executar a urbanización e os traballos técnicos.