Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INICIA O PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DE 6 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NA CORUÑA

- Trátase de inmobles que se adxudicarán en compravenda ou alugueiro
- Tamén comezou o procedemento de adxudicación de inmobles de promoción pública en Santiago e Betanzos e propúxose a adxudicación directa de sete vivendas a familias en situación de vulnerabilidade
- No que vai de ano o Goberno galego xa adxudicou outras 34 vivendas cedidas polas entidades financeiras


Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2017.- A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña aprobou a resolución de inicio do procedemento para a adxudicación de 6 vivendas de promoción pública actualmente vacantes na Coruña, que se adxudicarán en réxime de compravenda ou alugueiro. Tamén comezou o procedemento para a adxudicación dunha vivenda de promoción pública en Betanzos.

O sorteo, entre os inscritos no Rexistro na data de hoxe está previsto para o próximo 29 de agosto.

A Comisión tamén iniciou os procedementos de adxudicación de 10 vivendas vacantes en Santiago de Compostela, destinadas a menores de 35 anos, que se adxudicarán en réxime de alugueiro.

Por outra parte, a Comisión aprobou a proposta de adxudicación directa de vivendas de promoción pública ou cedidas por entidades financeiras. Estas vivendas van dirixidas a familias en situación de vulnerabilidade.

Unha das vivendas que se adxudicará directamente está emprazada na Coruña e outra en Santiago de Compostela. Ademais proponse a adxudicación directa de cinco vivendas no concello de Cee, neste caso cedidas por Abanca (e vivendas) e por Sareb (2 vivendas).

No que vai de ano a Xunta adxudicou directamente outras 34 vivendas cedidas por Sareb ou as entidades financeiras. Estas vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro social a familias afectadas por desafiuzamentos por impago da hipoteca ou o alugueiro e a outras familias en situación de vulnerabilidade, como é o caso das cinco que a Comisión Provincial de Vivenda propón adxudicar en Cee.

Por outra parte, a Comisión tamén propuxo a adxudicación de dúas vivendas de promoción pública propiedade da Xunta en Santiago de Compostela e A Coruña.