Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITA AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DUN EDIFICIO NA RÚA CERVANTES DO CASCO VELLO DE OURENSE NAS QUE SE INVESTIRÁN MÁIS DE 650.000 EUROS

- A delegada territorial, Marisol Díaz, xunto co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitou hoxe este barrio e explicou que o proxecto permitirá obter 3 vivendas de promoción pública e un local
- Con esta licitación, na actualidade a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a traballar na recuperación de catro inmobles
- O IGVS destinará 800.000 euros á adquisición de novos inmobles para rehabilitar na zona histórica de Ourense ao abeiro do Programa Rexurbe

Ourense, 8 DE marzo de 2018.-O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras de rehabilitación do edificio da rúa Cervantes 14, emprazado no casco vello de Ourense, adquirido polo Concello da cidade e cedido á Xunta para a súa recuperación e mellora, para destinalo, de modo prioritario, a vivenda social.

Este proxecto terá un prazo de execución de 12 meses dende o inicio das obras. As empresas interesadas dispoñen dun prazo de 26 días naturais, a contar dende mañá, para a presentación das súas ofertas.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, xunto co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitou hoxe este barrio no que o Goberno galego está a traballar na súa rehabilitación co obxectivo de recuperalo e revitalizalo para facelo un lugar máis atractivo para vivir, para traballar e para visitar.

Díaz Mouteira precisou que a Xunta investirá máis de 650.000 euros na rehabilitación deste inmoble, que, unha vez finalizada, permitirá poñer á disposición dos veciños de Ourense 3 novas vivendas de promoción pública e un local. Unha vez licitadas estas actuacións, continuaranse cos trámites administrativos necesarios para iniciar as obras ao longo deste ano.

Con este anuncio de licitación, na actualidade a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten en marcha actuacións en 4 inmobles da zona antiga da capital ourensá (en Vilar 1, Vilar 3 e 5, e Cervantes 14) que permitirán poñer a disposición dos veciños de Ourense 8 novas vivendas.

LOCALIZACIÓN
ESTADO
Nº VIVENDAS
IMPORTE €
Cervantes 14
Licitada o 8/3/2018
3 vivendas e 1 local
650.710,42
Vilar 3-5
Licitada o 7/12/2017
3 vivendas
 559.951,00
Vilar 1
Obra iniciada en abril de 2017
2 vivendas
373.662,45

 

Estes inmobles viranse a sumar aos 10 que nestes momentos xa están rehabilitados e dos que se obtiveron un total de 22 vivendas e 10 locais comerciais, e que supuxeron un investimento por parte da Xunta que supera os 3,2 millóns de euros.

Programa Rexurbe
A delegada territorial subliñou a aposta da Xunta pola rehabilitación. Así lembrou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo adquirirá inmobles no casco vello de Ourense para proceder á súa rehabilitación, co obxectivo de acadar arredor de 13 novas vivendas rehabilitadas, destinando este ano 800.000 euros a esta compra. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.

Os propietarios interesados en vender os seus inmobles ao IGVS dispoñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 22 de abril de 2018.

Os inmobles que adquira o IGVS deberán estar situados no casco vello de Ourense, nas rúas Vilar, Cervantes, Xerónimo Feijoo, Colón, Libertade, Xulio Prieto Nespereira, Hernán Cortés, García Mosquera, Lugo, Pelaio, 2 de Maio, Manuel Sueiro, Padilla, Triunfo, do Perigo, Moratín, Primavera e Bailén e nas prazas da Victoria, do Sal, Imprenta, da Trinidade, Saco e Arce, Pena Vixía, San Marcial, de San Cosme e da Ferreira, así como en Camiño Canella Cega. Estes inmobles, ademais de atoparse en estado de abandono ou semiabandono, deben reunir uns requisitos como estar inscritos no Rexistro da Propiedade ou non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación, entre outros.

Por outro lado, Díaz Mouteira lembrou que en materia de vivenda, a Xunta tamén está a construír outras oito vivendas de promoción pública na rúa Covadonga cun investimento de 790.000 euros.