Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, firmou hoxe estes documentos coa alcaldesa, Lara Méndez

A XUNTA E O CONCELLO DE LUGO ASINAN OS CONTRATOS DE ARRENDAMENTO DE 9 LOCAIS COMERCIAIS NA TINERÍA CO FIN DE REVITALIZAR O BARRIO

- Trátase de locais nas rúas Miño, Tinería, Praciña da Universidade e Recanto do Miño, con superficies entre os 19 e os 106 m2 e unhas rendas mensuais reducidas, a partir dos 50 €, en función dos m2 de cada baixo
- Vázquez Mourelle avanza que este mes se adxudicarán as obras dos inmobles Tinería 30, Recanto do Miño 17 e Recanto do Miño 11-13, cun investimento de medio millón de euros, co obxectivo de comezar as obras neste exercicio
- O Goberno galego tamén está a avanzar para seguir construíndo novas vivendas de promoción pública e urbanizando espazos este mesmo ano cun investimento próximo aos 2 M€
- A conselleira sinala que estas actuacións permitirán ter 20 novas vivendas rehabilitadas á disposición dos veciños e que, sumadas ás xa rehabilitadas, darán un total de 107 vivendas no barrio da Tinería
- Destaca que a Xunta, no marco do Programa Rexurbe, sacou xa o concurso de compra de novos edificios na Tinería, por importe de medio millón de euros, e xa están reservados outros 2 millóns para a súa rehabilitación


Lugo, 13 de marzo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asinou hoxe coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, os contratos de arrendamento dos 9 locais comerciais no barrio da Tinería que son propiedade da Xunta de Galicia.

Trátase de locais ubicados nas rúas Miño, Tinería, Praciña da Universidade e Recanto do Miño, con superficies que oscilan entre os 19 e os 106 m2 e unhas rendas mensuais reducidas, a partir dos 50 €, en función dos m2 de cada baixo. A duración dos contratos é de 5 anos, con posibilidade de prórroga.

Vázquez Mourelle salientou que estes contratos teñen unhas características moi vantaxosas, que permitirán pór á disposición dos cidadáns espazos únicos en pleno barrio histórico para levar a cabo actividades que axudarán a revitalizar a zona.

Indicou que a Xunta segue a traballar arreo para non deixar de dar pasos na Tinería, polo que se están a impulsar novos proxectos de rehabilitación. Así, avanzou que este mesmo mes de marzo se adxudicarán as obras dos inmobles Tinería 30, Recanto do Miño 17 e Recanto do Miño 11-13, cun investimento de arredor de medio millón de euros. A previsión é comezar estas obras este mesmo ano, xunto aos traballos de Tinería 15, tan pronto haxa licenza municipal.

O Goberno galego tamén está a avanzar para seguir construíndo novas vivendas de promoción pública e urbanizando espazos este mesmo ano cun investimento próximo aos 2 M€.

Estas actuacións permitirán ter 20 novas vivendas rehabilitadas á disposición dos veciños e que, sumadas ás xa rehabilitadas, darán un total de 107 vivendas no barrio da Tinería.

O Executivo autonómico tamén continuará este ano coa adquisición de novos inmobles para a súa posterior recuperación. No marco do Programa Rexurbe a Xunta sacou xa o concurso de compra de novos edificios na Tinería, por importe de medio millón de euros, e xa están reservados outros 2 millóns para a súa rehabilitación.

A conselleira fixo fincapé na aposta clara do Goberno galego por conservar e protexer o patrimonio arquitectónico construído na Tinería, un traballo que require da colaboración das distintas administracións e organismos implicados.

A responsable de Vivenda subliñou que o Plan da Tinería púxose en marcha e o traballo dos diferentes conselleiros e equipos que permitiu investir máis de 25 M€, rehabilitar preto de 40 edificios, que achegaron 87 vivendas e máis de 20 locais comerciais. A todo este esforzo engadiu o correspondente á ARI do Casco Vello, no que tamén entran fondos da Administración Xeral do Estado.