Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co Ministerio de Fomento o convenio para o desenvolvemento en Galicia do Plan Estatal de Vivenda, cun total de 107 millóns de euros que beneficiarán a 18.700 familias

A XUNTA CONVOCARÁ NO VINDEIRO MES DE AGOSTO NOVAS LIÑAS DE AXUDAS, NO MARCO DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA, CUN ORZAMENTO DE 12,5 MILLÓNS DE EUROS

- Ethel Vázquez explica que as próximas subvencións se dirixirán á mellora da eficiencia enerxética ou da accesibilidade nas vivendas e á adquisición de inmobles en concellos de menos de 5.000 habitantes por menores de 35 anos
- Lembra que hoxe remata o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria de axudas de alugueiro, que a Xunta adiantou a finais de xuño, cun orzamento de case 15 millóns de euros
- Subliña que a Xunta está a aproveitar ao máximo este plan de marcado carácter social, acordado e aprobado polo Executivo estatal anterior, axilizando ás convocatorias para que os seus beneficios cheguen canto antes aos cidadáns
- Destaca a oportunidade do plan para avanzar nos obxectivos prioritarios do Goberno galego no eido da vivenda, como a rehabilitación e o impulso do alugueiro, a loita contra os desafiuzamentos e a dinamización do rural


Madrid, 30 de xullo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co Ministerio de Fomento o convenio para o desenvolvemento en Galicia do Plan Estatal de Vivenda, con horizonte ata o ano 2021, no marco do que a Xunta publicará en agosto novas axudas por importe de 12,5 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que estas novas subvencións se dirixirán á mellora da eficiencia enerxética nas vivendas; ao fomento da conservación, seguridade e accesibilidade; e á adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por mozos menores de 35 anos.

Subliñou que estas axudas se suman á convocatoria das de alugueiro, cun orzamento de case 15 millóns de euros, cuxo prazo de solicitude remata hoxe, tras ter adiantado a Xunta a súa publicación a finais do mes de xuño.

Destacou que o Goberno galego está a aproveitar ao máximo esta planificación estatal de axudas en materia de vivenda, con marcado carácter socia, tratando de axilizar as convocatorias para que os beneficios do plan cheguen canto antes aos cidadáns.

Este plan foi acordado e aprobado polo anterior Executivo español cun incremento dos recursos para Galicia de máis do 60% con respecto ao anterior, un total de 107 millóns de euros que beneficiarán a 18.700 familias, que verán mellorada as súa calidade de vida, xerándose 11.000 empregos e unha mobilización de recursos de máis de 250 millóns de euros.

A conselleira sinalou que este investimento é posible porque a Xunta ten elevado ao máximo o financiamento autonómico, cunha achega de 25 millóns de euros, o que permitiu tamén acadar o tope de investimento do estado, que ascende a 82,2 millóns.

Subliñou a grande oportunidade que o plan significa para continuar avanzando nos grandes obxectivos do Goberno galego no eido da vivenda, unha materia prioritaria. Concretou que estes recursos posibilitarán continuar coa aposta autonómica pola rehabilitación e o impulso do alugueiro, coa loita contra os desafiuzamentos e a dinamización do rural.