Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE SUBLIÑA O FITO HISTÓRICO QUE SUPÓN TER ADXUDICADO XA O 68% DO SOLO EMPRESARIAL DE MORÁS E ANUNCIA O REMATE DA URBANIZACIÓN DA PRIMEIRA FASE DO PARQUE PARA ESTE ANO

• Durante unha visita ás obras do polígono industrial, Ángeles Vázquez avanza que as primeiras empresas estarán en disposición de empezar a traballar o ano que vén
• A Xunta de Galicia leva investidos xa 73 dos 101 millóns de euros previstos para executar todas as obras e infraestruturas necesarias para rematar este ámbito
• A conselleira enmarca a actuación en Arteixo nos esforzos da Xunta para atraer empresas e favorecer o seu asentamento na comunidade, resaltando os máis de dous millóns de metros cadrados de solo adxudicado con bonificacións desde o ano 2015 e a posta en marcha do Observatorio de solo empresarial de Galicia

Arteixo (A Coruña), 23 de setembro de 2019-. Un total de 650.000 metros cadrados dos 950.000 proxectados no parque empresarial de Morás, en Arteixo, xa teñen dono. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao polígono coruñés durante a que cualificou de “fito histórico” o feito de que o 68,5% da superficie proxectada en Morás estea adxudicada, antes incluso de que se teñan completado as obras da primeira das catro fases previstas neste ámbito.

O bo ritmo nas adxudicacións do solo dispoñible, en opinión da conselleira, demostran que a aposta do Goberno galego por dotar á cidade da Coruña e á súa área de influencia de máis superficie industrial en Morás foi “un acerto absoluto”. E para responder a ese interese amosado polo tecido empresarial, avanzou que antes de que finalice o ano as obras de urbanización da primeira fase do polígono estarán rematadas.

Precisamente, a titular galega de Medio Ambiente tivo ocasión de coñecer de primeira man o estado dos traballos que se están a acometer no parque de Morás. Ademais da urbanización da primeira fase e do compromiso de urbanizar tamén a segunda, a Xunta xa ten en marcha todas as obras que darán servizo á totalidade do ámbito do parque empresarial, desde os viarios de conexión tanto interiores como exteriores, pasando pola subestación eléctrica, xa rematada, ou as explanacións dos terreos das fases aínda pendentes. O obxectivo é que todas estas actuacións estean rematadas en 2019.

Neste sentido, a conselleira garantiu que o Goberno galego quere deixar todo listo e preparado para que as empresas adxudicatarias que así o desexen, poidan empezar a traballar en Morás o ano que vén.

Investimento comprometido
En total, o investimento realizado pola Xunta ata o momento en Morás ascende a 73 millóns de euros, é dicir, máis do 70% dos 101 millóns comprometidos para completar o desenvolvemento das catro fases en que se divide este parque empresarial. Así mesmo e co fin de adxudicar o solo que continúa dispoñible na primeira fase do polígono –uns 135.000 metros cadrados- a Consellería de Medio Ambiente ten previsto convocar este mesmo ano un concurso de venda de parcelas para, unha vez esgotada esta superficie e en función da demanda que siga existindo, analizar a execución das fases tres e catro.
Polo que respecta á segunda fase de Morás, Ángeles Vázquez lembrou que os seus 466.137 metros cadrados xa están totalmente comprometidos con Estrella Galicia, empresa coa que vén de asinarse o acordo de compravenda despois de que no mes de maio o presidente da Xunta anunciara que se acababa de pechar a maior venta histórica de solo industrial da comunidade.

Estrella Galicia, precisamente, será unha das empresas que se beneficien das bonificacións para a adquisición de solo empresarial que aplica o Goberno galego con éxito desde o ano 2015. Así, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que desde entón e co obxectivo de favorecer o asentamento de novas iniciativas empresariais na comunidade así como o crecemento e a expansión das xa existentes, o seu departamento adxudicou máis de dous millóns de metros cadrados de solo tanto en réxime de compra-venta a prezo bonificado como en dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas acceder a parcelas a cambio do pago anual dun canon moi reducido.

Así mesmo, Ángeles Vázquez subliñou que, ademais de seguir apostando polas bonificacións, a estratexia da Xunta para atraer e dinamizar a actividade empresarial en Galicia pasa por analizar a situación actual do mercado e das necesidades de solo existentes. Para iso, lembrou que se traballa na posta en marcha dun Observatorio do solo empresarial, un organismo que concentrará a información e o asesoramento para definir as futuras liñas de actuación da Xunta nesta materia e elaborará un censo de solo.