Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA E COLEXIO DE ADMINISTRADORES DE FINCAS PRESENTAN UNHA GUÍA DE PAUTAS FRONTE Á COVID PARA PODER CELEBRAR XUNTAS VECIÑAIS

• Entre as recomendacións de carácter preventivo do protocolo figuran evitar reunirse en lugares que dificulten manter as distancias de seguridade, como garaxes, portais ou zonas de paso, establecer sistemas de control de acceso, distribuír o espazo para que todos os asistentes poidan estar sentados e garantir medidas de hixiene, limpeza e desinfección adaptadas ao actual contexto sanitario
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña a importancia deste colectivo como un “nexo de suma importancia” entre a Administración e a cidadanía, polo labor esencial que realizan á hora de informar e facilitar a xestión dos asuntos do día a día ás comunidades de propietarios

A Coruña, 9 de setembro de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga) presentaron esta mañá a nova guía con recomendacións preventivas fronte ao coronavirus para poder celebrar xuntas veciñais coas máximas garantías sanitarias. O protocolo, que estará a disposición do colectivo de administradores como documento de consulta e referencia, inclúe toda unha serie de consellos e medidas tanto de hixiene e limpeza como organizativas que se deben adoptar antes da celebración da xuntanza, durante a mesma e tamén ao seu remate.

Neste sentido, entre as recomendacións para planificar a celebración en condicións de seguridade deste tipo de reunións figuran evitar reunirse en lugares que dificulten manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, como poden ser garaxes, portais ou zonas de paso, establecer sistemas de control de acceso ordenado e que impidan posibles aglomeracións, distribuír o espazo de xeito que todos os asistentes poidan estar sentados, obrigar ao uso de máscaras, e garantir medidas de hixiene, limpeza e desinfección adaptadas ao actual contexto sanitario, como poñer a disposición dos asistentes solucións hidroalcohólicas, ventilar o local antes e despois da reunión ou evitar repartir material impreso.

Durante o acto de presentación, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembrou que o pasado mes de xullo representantes de Coafga trasladáronlle persoalmente as dificultades que estaban a atopar para poder convocar as xuntas ordinarias anuais de propietarios debido ás restricións impostas pola Covid-19, sobre todo as relativas á celebración de reunións e ás limitacións no número de asistentes.

Froito desa xuntanza, ambas entidades acordaron colaborar na elaboración dun protocolo ou guía que recollese as pautas esenciais a seguir para poder retomar este tipo de encontros con plenas garantías.

Por este motivo, o Instituto Galego do Vivenda e Solo (IGVS) pediu a colaboración do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e da Consellería de Sanidade para elaborar unha guía de recomendacións preventivas ante o coronavirus especificamente adaptada ás características das xuntas de comunidades de propietarios.

Cómpre lembrar que, legalmente, é obrigatorio celebrar este tipo de reunións polo menos unha vez ao ano, ao tempo que determinados acordos importantes para o bo funcionamento das comunidades tampouco se poden aprazar, como a renovación dos cargos directivos ou a aprobación dos orzamentos.

Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou o papel clave que xogan os administradores de fincas á hora de facilitar o día a día da xestión das comunidades de propietarios, incidindo no “importante apoio” que ofreceron nos últimos meses ás familias e especialmente ao colectivo das persoas maiores á hora de informar e axudarlles a resolver todo tipo de asuntos e xestións relacionadas coas súas vivendas.

Na mesma liña, a responsable autonómica tamén destacou o traballo deste colectivo de profesionais para axudar a difundir as distintas liñas de axudas públicas que ofrece e xestiona cada ano o IGVS en materia de vivenda, conseguindo que a información chegue de forma directa aos seus potenciais beneficiarios, polo que, concluíu, “os administradores de fincas son un nexo de suma importancia entre a Administración e os cidadáns”.

Guía (formato pdf)

Cartel (formato pdf)