• Os interesados en acollerse a esta liña de incentivos, a que se destinan case 17 millóns
de euros, só poderán presentar a solicitude por medios telemáticos
• As actuacións obxecto de subvención son aquelas de mellora da eficiencia enerxética da
envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación
• Tal e como avanzou onte o presidente da Xunta o Diario Oficial de Galicia publica a
Resolución pola que se regulan as axudas ao abeiro do Programa estatal para actuacións de
rehabilitación enerxética en edificios existentes, regulado por Real Decreto do 4 de agosto
• A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestionará por primeira vez este
programa estatal de mellora e reforma enerxética de vivendas e edificios
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publica
hoxe a Resolución do programa de mellora e reforma enerxética de vivendas e edificios, na que se
recolle que o prazo para presentar as solicitudes comezará o vindeiro 2 de xaneiro ata o 31 de
xullo; polo que os interesados en acollerse a este programa de incentivos disporán dun prazo de
sete meses para presentar as súas solicitudes.
O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de onte a Resolución pola que se convocan as
axudas do Programa estatal, de carácter plurianual, para actuacións de rehabilitación enerxética en
edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades
autónomas. No caso de Galicia, esta liña de incentivos dispón dun orzamento de case 17 millóns de
euros, que serán xestionados por primeira vez polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Neste sentido, o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) decidiu
repartir os fondos dispoñibles para esta liña de incentivos entre as comunidades autónomas e que
foran estas as encargadas de proceder á convocatoria das mesmas, tal e como establece o Real
Decreto 737/2020 do 4 de agosto, polo que se regula o programa de axudas.
Os interesados en acollerse a esta liña de subvencións só poderán solicitalas de xeito
telemático e os beneficiarios son as persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios
de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as
comunidades de persoas propietarias o as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de
edificios residenciais de uso vivenda, así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan
propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código Civil e non
houberan outorgado o título constitutivo de Propiedade Horizontal.
Tal e como se recolle na Resolución, establécense tres tipos de actuacións subvencionables:
de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus
obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de
calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións
de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas y equipos; sistemas e elementos que permitan o
control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de
iluminación.
Para o cálculo da contía subvencionable terá unha axuda base e unha adicional, que se
determinará en base a tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en
edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles emprazados en áreas de
rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a
porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou más tipoloxías de actuación).
Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o
mesmo fin sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten
con cofinanciamento de Fondos Europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un orzamento estimado de
dous millóns de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e
accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e
sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.