Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA A REHABILITACIÓN DO HOSPITAL DE SAN MIGUEL NA TINERÍA POR IMPORTE DE MÁIS DE 555.000 EUROS

• A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS, destinará máis de 500.000 euros á rehabilitación do edificio, destinado a usos turísticos e administrativos
• O prazo de execución da obra será de oito meses

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020.-
A Xunta de Galicia investirá máis de 555.000 euros na rehabilitación do denominado Hospital de San Miguel, inmoble emprazado no barrio lucense da Tinería e que será destinado a usos relacionados coa potenciación dos recursos turísticos e enogastronómicos da provincia de Lugo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo adxudicou o contrato para esta obra de rehabilitación, por un importe total de 555.054,98 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de oito meses, á empresa Construcciones Alea, S.L.

A rehabilitación do antigo Hospital de San Miguel, tamén coñecido como Casa-Torre, situado xunto á Porta Miñá da muralla romana de Lugo, ten por obxecto a recuperación do mesmo para uso público e administrativo, permitindo ademais o acceso á muralla a través dun itinerario accesible mediante a instalación dun ascensor interior que comunica a cota da cidade coa do adarve da muralla.

É un inmoble formado por dúas edificacións independentes e inconexas: a Casa-Torre, de planta cadrada e de orixe medieval, e outra edificación con forma de “L” que se une á primeira polo noroeste. A intervención prevé a recuperación dos volumes orixinarios, respectando os muros e a configuración de ocos, para o que se está a tramitar un estudo de detalle. A obra de rehabilitación iniciarase unha vez aprobado definitivamente dito estudo e obtida a licenza de obras.

A superficie construída total do inmoble é de 350,23 metros cadrados divididos nunha planta semisoto, baixa e primeira para uso público e administrativo e aproveitamento no baixo cuberta.

O inmoble adaptase ao seguinte programa: planta semisoto, con acceso dende Recanto do Miño, destinada a circulación, zona arqueolóxica e oficina de turismo; planta baixa con acceso dende a zona da muralla dividida para aula polivalente, circulacións e aseos; planta primeira con saída ao adarve da muralla, para despacho e centro de formación e aula taller, e baixo cuberta para instalacións.

Construtivamente resólvese cunha estrutura horizontal de vigas metálicas e forxado de chapa nas zonas de circulacións do edificio con forma de “L” e unha estrutura de vigas de madeira con dobre taboleiro de madeira e illante intermedio nas salas e outras dependencias do volume da Casa-Torre, salvo na planta semisoto que se dispón dun forxado de vidro para poder visualizar os restos arqueolóxicos.

A cuberta está formada por un forxado inclinado de vigas de madeira, dobre taboleiro con illante e acabado de lousa. Os muros de mampostería remataranse cun revoco de cal polo exterior. As carpinterías exteriores serán de madeira e aceiro.