Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

APROBADA UNHA SUBVENCIÓN DE MÁIS DE TRES MILLÓNS DE EUROS PARA ALOXAMENTOS PROTEXIDOS EN ALUGUER CONSTRUÍDOS NA CORUÑA

-    Trátase de 272 aloxamentos para aluguer por mozos ou maiores de 65 anos promovidos por unha empresa privada

-    Estarán sometidos ao réxime de aluguer durante polo menos 10 anos.

Santiago, 19 de novembro de 2009.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou na reunión de hoxe unha subvención para a promoción privada de 272 aloxamentos protexidos na cidade da Coruña, executados pola empresa AVANTE ELECTA, S.L.

O proxecto presentado pola devandita empresa acadou a cualificación definitiva a comezos de setembro de 2009 e, unha vez rematada a tramitación administrativa, a subvención sométese á aprobación do Consello da Xunta dada a súa contía.

A devandita subvención acada a cantidade de 3.046.400 euros e inclúese entre as actuacións financiadas ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008.

A empresa beneficiaria edificou na cidade da Coruña, na avenida de Novo Mesoiro, 272 aloxamentos protexidos que durante un período mínimo de 10 anos se destinarán ao aluguer por mozos con idades comprendidas entre18 e 35 anos ou por persoas maiores de 65 anos.