-
Coa solicitude de inscrición haberá que presentar os documentos que acreditan o cumprimento
de requisitos para acceder a unha vivenda protexida, mentres o anterior rexistro so esixía o
DNI
-
Os inscritos no anterior rexistro terán un prazo de catro meses para adaptar a súa inscrición
achegando a documentación necesaria
-
O novo rexistro permitirá reducir notablemente o tempo de adxudicación das vivendas
protexidas, polo que en 18 meses os beneficiarios culminarán os trámites para obter unha vivenda
protexida
Santiago, 21 de xaneiro de 2010.-
A partir de mañá comezará a funcionar o novo Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da
Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto
polo que se regula.
Para inscribirse no rexistro será preciso acreditar previamente que se cumpren os requisitos
para o acceso ás vivendas protexidas. Con tal fin, os solicitantes deberán presentar os seguintes
documentos ou asinar a autorización para a consulta telemática dos mesmos por parte da
administración nos casos en que é posible:
- Copia do DNI de tódolos membros da unidade familiar (matrimonios con ou sen fillos,
parellas de feito inscritas no correspondente rexistro...)
- Última declaración da renda. En caso de non estar obrigados á súa presentación, declaración
xurada e xustificación de ingresos.
- Certificación de ámbito nacional do rexistro da propiedade que acredite que ningún
solicitante é propietario dunha vivenda (exentos casos coma os de divorciados ou separados que
foron privados da vivenda por adxudicarlla o xuíz ao cónxuxe).
- Copia do libro de familia
- Acreditación, de ser o caso, da existencia de persoas dependentes ao cargo, discapacitados,
vítimas da violencia de xénero ou do terrorismo, ou da separación ou divorcio.
So se inscribirán no rexistro de demandantes os solicitantes que cumpran os requisitos para
acceder a vivendas protexidas, evitando desta maneira as distorsións que se producían ata o de
agora, en que bastaba co DNI para inscribirse e so se acreditaban as circunstancias familiares
despois de ser elixido no sorteo. A realidade demostra que unha porcentaxe importante dos inscritos
no Rexistro ata o de agora non cumprían os requisitos, o que implicaba alargar durante anos o
proceso de selección de adxudicatarios de vivendas dende o momento en que o solicitaba o promotor
ata o momento en que se vendía a última vivenda.
Os actualmente inscritos no rexistro de demandantes, e quen tivera solicitada a inscrición
con anterioridade á entrada en vigor do novo rexistro, disporán dun prazo de catro meses para
adecuar a súa inscrición ou causarán baixa en caso de non facelo. Deberán presentar a documentación
acreditativa de que cumpren os requisitos para o acceso a vivendas protexidas, xa que no anterior
rexistro non era preciso máis que o DNI para inscribirse.
Eliminar retrasos
O novo Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia ten como
obxectivo eliminar as distorsións que ata o de agora se producían no mesmo, con enormes retrasos,
ata de anos, na adxudicación de vivendas, repeticións de sorteos para unha mesma vivenda e creación
de falsas expectativas aos inscritos, que en moitas ocasións vían como se lles adxudicaban vivendas
ás que despois non podían acceder.
En cada sorteo realizado ata o de agora pódese comprobar como a porcentaxe de seleccionados
que non cumpren os requisitos ou renuncian á adxudicación é elevadísima, podendo superar o 50 por
cento no caso da promoción pública e chegando a superar o 80 por cento no caso das vivendas de
promoción privada.
Entre as causas das renuncias atópanse factores como que as vivendas adxudicadas se
emprazasen en zonas ou barrios afastados dos lugares de orixe ou traballo dos adxudicatarios, que
levaban a moitos deles a renunciar á adxudicación. Co novo rexistro, os sorteos realizaranse
unicamente entre os inscritos no rexistro que manifestaran o seu desexo de acceder ás vivendas de
cada promoción, polo que as renuncias por esta causa desaparecerán.
Polo que respecta aos prazos de adxudicación dunha promoción completa, reduciranse de forma
moi notable, xa que tódolos que entren no sorteo terán acreditado por adiantado que cumpren os
requisitos, non como no Rexistro anterior en que a documentación que o acredita se entregaba e
comprobaba despois do sorteo.
Tres seccións
O novo Rexistro de Demandantes de Vivenda contará con tres seccións diferenciadas e a
posibilidade de creación doutras novas se fora preciso: demandantes de vivendas de promoción
pública, demandantes de vivendas de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos e
demandantes de vivendas de promoción privada. No primeiro caso o límite máximo de ingresos é de 2,5 veces o Iprem, no segundo 3,5 veces o
Iprem e no terceiro 6,5 veces o Iprem.
Cada demandante inscribirase na sección correspondente ao tipo de vivenda que desexa e para o
que cumpre os requisitos, podendo tamén anotarse nunha ou dúas máis. Da mesma maneira, cada
demandante inscribirase nun concello determinado e poderá tamén facelo noutros dous
colindantes.
É importante distinguir entre
inscrición e
anotación nas distintas seccións do rexistro.
A
inscrición nunha única sección e nun concello como prioritario permitirá dispoñer
de información real da demanda de vivenda de cada tipo e en cada concello de Galicia, algo que
agora non sucede xa que o mesmo demandante pode estar inscrito en varios concellos e a inscrición
non determina o tipo de vivenda do interese de cada inscrito.
A
anotación nunha segunda ou terceira sección permitirá acceder a unha vivenda
incluída nas mesmas, sempre que se cumpran os requisitos e os
inscritos nas mesmas non cheguen para cubrir a oferta, pero non contarán a efectos
estatísticos, evitándose inflar artificialmente os datos de demanda, como sucede na
actualidade.
Promoción privada
As principais novidades do novo funcionamento do Rexistro de Demandantes afectan ás vivendas
de promoción privada.
A selección de adxudicatarios comezará a solicitude do promotor das vivendas, sempre despois
de obter a cualificación provisional e a licenza municipal, e será anunciada no taboleiro de
anuncios do Concello, da área provincial do IGVS, na páxina web do IGVS e nun dos xornais de maior
tirada na localidade onde se emprazan as vivendas.
Tamén poderá comunicarse individualmente a tódolos inscritos no rexistro que cumpran os
requisitos, sempre a petición do promotor e á súa costa.
Unha vez anunciado o inicio da selección, os inscritos no Rexistro de Demandantes que cumpran
os requisitos terán un prazo de 15 días para solicitar a súa inclusión no sorteo de ditas
vivendas.
Rematado o prazo de inclusión no sorteo, publicarase a lista de admitidos ao sorteo,
abríndose un prazo de sete días para reclamacións.
Resoltas as reclamacións aprobarase a lista definitiva de admitidos a sorteo e procederase ao
sorteo ante notario, outorgando un número de orde aos que queden como reservas para o caso de
renuncia polos adxudicatarios. Se o número de demandantes é inferior ao de vivendas, poderanse
adxudicar directamente.
A continuación publicarase na web do IGVS a lista definitiva, indicando os trámites a seguir,
e remitirase á empresa promotora para que informe aos demandantes dos pasos a seguir na tramitación
dos contratos.
As vivendas cualificadas provisionalmente que non puideran venderse por inexistencia de
demandantes no Rexistro poderán quedar como vivendas libres.
Promoción pública
As modificacións do decreto respecto da adxudicación de vivendas de promoción pública son
mínimas, xa que o Rexistro anterior respondía aos criterios de adxudicación que xa se aplicaban
antes da súa creación.
O procedemento para adxudicación de vivendas de promoción pública iniciarase pola Comisión
Provincial de Vivenda, publicándose nos taboleiros de anuncios do Concello en que se atopan as
vivendas, a área provincial do IGVS e a web do IGVS, indicando o número de vivendas, localización,
superficie aproximada das mesmas, réxime de adxudicación, condicións económicas, reservas, data do
sorteo, etc.
O sorteo realizarase, na data indicada, entre os inscritos no Rexistro á data da resolución
de inicio da Comisión Provincial de Vivenda que cumpran os requisitos establecidos. Realizado o
sorteo publicarase a lista provisional de adxudicatarios e outra de espera.
Verificado o cumprimento dos requisitos, aprobarase e publicarase a lista definitiva de
adxudicatarios e espera.