Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

HERNÁNDEZ SINALA QUE O NOVO PROGRAMA ALUGA SIMPLIFICARÁ E AXILIZARÁ OS TRÁMITES DO ACTUAL SISTEMA DE ALUGUER

-       Como medida transitoria antes da aprobación e entrada en vigor do Programa Aluga, o Instituto Galego de Vivenda e Solo vén de pechar o prazo para a inscrición de novas vivendas no antigo programa de vivenda en alugueiro

-    Actualmente están incorporadas a este programa arredor de 4.000 vivendas, das que máis de 300 están desocupadas e listas para o seu alugueiro. Ao mesmo tempo, outras 1.000 vivendas están actualmente en trámites para a súa incorporación ao programa

-   Para evitar a acumulación de vivendas, regular o fluxo de entrada e para facilitar o tránsito entre un e outro programa, considerouse oportuno pechar o prazo de presentación de solicitudes

Santiago, 24 de febreiro de 2010.-  O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou hoxe que o seu departamento, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, está a tramitar o Programa Aluga, un proxecto que introduce melloras técnicas e pautas de simplificación e axilización administrativa con respecto ao actual sistema de aluguer que presenta relevantes disfuncionalidades como a complexidade da tramitación, a externalización das súas propias funcións ou un cadro de persoal sobredimensionado.
 
O novo programa, que será xestionado integramente polo IGVS, conta cun financiamento equilibrado co fin de limitar o gasto público e acadar un maior grao de eficacia na consecución de obxectivos.
 
Como medida transitoria antes da aprobación e entrada en vigor do Programa Aluga, o Instituto Galego de Vivenda e Solo vén de pechar o prazo para a inscrición de novas vivendas no antigo programa de vivenda en alugueiro.
 
Cómpre salientar que actualmente están incorporadas a este programa arredor de 4.000 vivendas, das que máis de 300 están desocupadas e listas para o seu alugueiro. Ao mesmo tempo, outras 1.000 vivendas están actualmente en trámites para a súa incorporación ao programa de alugueiro, o que garante a dispoñibilidade suficiente de vivendas para facer fronte á demanda de alugueiros.
 
Os referidos datos indican que o número de vivendas incorporadas ao programa de aluguer ou en trámites para a súa incorporación superan as previsión estimadas de acordo co marco orzamentario do programa de vivenda de aluguer e co número de vivendas previstas para o Programa Aluga.
 
Para evitar a acumulación de vivendas e regular o fluxo de entrada de das mesmas, evitando falsas expectativas dos propietarios respecto a prontitude do arrendo, así como para facilitar o tránsito entre un e outro programa, considerouse oportuno pechar o prazo de presentación de solicitudes.