Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS RECUPERARÁ EN ABRIL O CONTROL DO PROGRAMA DE ALUGUER, QUE A ANTIGA CONSELLERÍA DE VIVENDA PUXERA EN MANS DE PERSOAL ALLEO Á XUNTA DE GALICIA

·        A recuperación da xestión permitirá ademais un importante aforro económico e un notable incremento do rendemento do persoal
·        En 2009 o programa, externalizado, tivo un custe de preto de 2,5 millóns de euros. En 2010 custará menos de 900.000 euros.
·        Pasarase de 53 persoas alleas á Xunta na actualidade a 21 interinos nun primeiro momento, número que se incrementará ata un máximo de 37
·        Os cambios na xestión das axudas de aluguer non son improvisadas nin collen por sorpresa ás persoas que ata o de agora se encargaban do servizo, xa que no pasado mes de decembro se resolveu unha parte da encomenda, sen que xurdira ningún problema, e se comunicou que o 31 de marzo remataba o resto
 
Santiago, 24 de marzo de 2010.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, recuperará en abril o control do programa de aluguer de vivendas que a antiga Consellería de Vivenda externalizara, sen control por parte de persoal funcionario da Xunta de Galicia e cun custe esaxerado e moi superior ao de calquera outro programa xestionado pola propia Xunta.
 
Co remate o próximo 31 de marzo da encomenda de xestión realizada pola antiga Consellería de Vivenda ás empresas Xestur, o Instituto Galego da Vivenda e Solo pasará a controlar por completo o programa de alugueiro, que ata o de agora estaba en mans de persoal externo.
 
O cambio de xestión coincidirá no tempo co cambio de programa de alugueiro, xa que para o próximo mes de maio prevese que entre en vigor o novo programa Aluga, un proxecto que introduce melloras técnicas e pautas de simplificación e axilización administrativa con respecto ao actual sistema de aluguer que presenta relevantes disfuncionalidades como a complexidade da tramitación, a externalización das súas propias funcións ou un cadro de persoal sobredimensionado
 
Situación actual
Na actualidade un total de 53 persoas alleas á Xunta de Galicia se ocupan exclusivamente na tramitación do programa de alugueiro, cun custe en 2009 de 2.448.487,64 euros, que se verán reducidos a menos de 900.000 euros no orzamento de 2010. O persoal alleo será substituído inicialmente por 21 interinos, número que se irá incrementando progresivamente ata un máximo de 37.
 
Este novo persoal desempeñará o seu traballo en locais propios da Xunta de Galicia, situados nas dependencias do IGVS nas catro capitais de provincia e en Santiago de Compostela e en outras dependencias da Xunta en Vigo e Ferrol.
 
A nova estrutura do servizo permitirá, ademais, incrementar o rendemento do persoal encargado do programa de alugueiro, que se encargará de outras liñas de traballo en materia de vivenda, coma o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e as axudas do Plan de Vivenda, de maneira que se constitúan en “Xanelas Únicas de Vivenda”.
A Xunta de Galicia conseguirá con esta nova estrutura mellorar a atención aos cidadáns reducindo sensiblemente os custes do mesmo.
 
O cambio de sistema de xestión non vai supoñer ningún problema para os beneficiarios do programa de alugueiro, tanto propietarios de vivendas como inquilinos, que seguirán mantendo as mesmas condicións que tiñan ata o de agora.
 
Os cambios na xestión das axudas de aluguer non son improvisadas nin collen por sorpresa ás persoas que ata o de agora se encargaban do mesmo, xa que no pasado mes de decembro se resolveu unha parte da encomenda, sen que xurdira ningún problema, e se comunicou que o 31 de marzo remataba o resto.