-
Nos próximos tres anos prevese que o custo total do Programa Aluga acade preto dos 34 millóns
de euros, beneficiando unhas seis mil familias galegas
-
As axudas máximas pasarán do 60 ao 70 por cento da renda mensual
-
Os posibles beneficiarios incrementaranse, ao pasar de 3 a 3,5 veces o Iprem a renda
máxima
-
Os gastos de xestión do programa reduciranse en máis dun 80 por cento
Santiago, 2 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), publica hoxe no Diario
Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do aluguer
de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, e que entrará en vigor o vindeiro 2 de agosto.
O Programa Aluga xorde da necesidade de dar unha nova orientación ás medidas de fomento do
aluguer de vivendas privadas, co obxecto de paliar as disfuncionalidades detectadas no anterior
programa, como a complexidade da tramitación con externalización de funcións administrativas, o
cadro de persoal sobredimensionado e os elevados custos de funcionamento.
Este novo programa dirixido ao aluguer, que busca a harmonización co resto de programas de
vivenda, configúrase como unha medida de inminente carácter social, cunha dobre finalidade:
- Favorecer o mercado de aluguer de vivendas en Galicia, promovendo a incorporación a el de
vivendas desocupadas de titularidade privada.
- Facilitar o acceso a unha vivenda aos sectores de poboación con niveis de ingresos comprendidos
entre 0,7 e 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), así como a
determinados colectivos con ingresos inferiores a 0,7 veces o IPREM, en particular, ás mulleres
vítimas de violencia de xénero.
A través do Programa Aluga poderán acceder ás axudas para o aluguer todos os interesados con
ingresos inferiores a 3,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (Iprem),
inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e residentes en Galicia ou que desenvolvan o
seu traballo na nosa Comunidade Autónoma. Os propietarios de vivendas tamén poderán beneficiarse de
axudas para a rehabilitalas antes de poñelas á disposición do Programa, así como subvencións para
os gastos derivados do aluguer.
Previsións para os próximos tres anos
Nos próximos tres anos prevese que o custo total do Programa Aluga acade máis de 35 millóns de
euros, e que beneficie a unhas seis mil familias galegas.
No cadro adxunto amósase como cun custe semellante, o novo Programa Aluga permite incrementar
de maneira notable os fondos destinados a axudas ao alugueiro.
|
Programa de Vivenda en Aluguer
(3 anos bipartito)
|
Programa Aluga (próximos 3 anos)
|
Subvencións:
|
25.423.791,78 euros
|
32.398.643,50 euros
|
Gastos de funcionamento:
|
8.686.511,19 euros
|
2.876.812,13 euros
|
Xestión do programa
O Programa Aluga tamén supón importantes novidades na xestión das axudas de aluguer, xestión
que recupera o Instituto Galego da Vivenda e Solo despois de que o anterior goberno a
externalizase, dando lugar a unha tramitación longa e complicada, que atrasaba de maneira notable a
súa resolución, ao tempo que resultaba moi custosa economicamente.
A recuperación por parte do IGVS da xestión do programa permitirá reducir de maneira
significativa os custes do mesmo sen incrementar os gastos de persoal do IGVS.
Co Programa Aluga, a demanda de vivenda en aluguer realízase a través do novo Rexistro Único
de Demandantes de Vivenda, que dispón dunha sección creada para o efecto, o que permite centralizar
nun único rexistro toda a demanda de vivenda existente en Galicia.
Doutra banda, o decreto polo que se rexe o Programa Aluga contempla a posta en funcionamento
de unidades funcionais do IGVS denominadas centros de acompañamento e asesoramento do Programa
Aluga, nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e
Vigo.
A través destes centros de acompañamento e asesoramento do Programa Aluga, o IGVS pretende
prestar unha asistencia integral aos propietarios e inquilinos, con funcións de acompañamento e
asesoramento, destacando como novidade importante o desempeño de labores de mediación e solución de
conflitos, así como de apoio profesional na fase de posta á disposición das vivendas e durante a
vixencia da relación arrendaticia.
Inquilinos
As principais novidades que presenta o Programa Aluga en relación cos inquilinos son as
seguintes:
- Amplíanse os tramos de ingresos dos potenciais beneficiarios ata 3,5 veces o Iprem para
harmonizalo con outras actuacións en materia de vivenda protexida. O anterior programa de vivenda
en alugueiro establecía como ingresos máximos ata 3 veces o Iprem.
- Para determinar os importes máximos da renda das vivendas alugadas téñense en conta as zonas
territoriais onde se encontren as vivendas, establecendo tres zonas coma no Plan de Vivenda
2009-2012: zona territorial de prezo máximo superior, zona 1 e zona 2, establecidas para a
determinación dos prezos das vivendas protexidas. O antigo programa de vivenda en aluguer
establecía un importe máximo para as sete grandes cidades e outro para o resto dos concellos de
Galicia.
- Para adecuar o prezo da renda aos ingresos e asegurar un certo grao de solvencia, establécense
novos límites de renda segundo tramos de ingresos dos inquilinos:
PREZO MÁXIMO DO ALUGUEIRO
(euros por mes)
|
INGRESOS MÁXIMOS DOS BENEFICIARIOS
(veces o Iprem)
|
400
|
Ata 1,5
|
550
|
Máis 1,5 ata 2,5
|
600
|
Máis de 2,5 ata 3,5
|
Condicións dos beneficiarios
Para acceder aos beneficios do Programa Aluga os solicitantes deberán cumprir, entre outros,
os seguintes requisitos:
·
Ingresos anuais ponderados entre 0,7 e 3,5 veces o Iprem. O límite mínimo de ingresos (0,7 veces o
Iprem) non será preciso acreditalo no caso de colectivos cualificados, que se definen máis
adiante.
·
Estar inscritos ou anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda (Sección 4ª, “Demandantes
de vivenda en réxime de arrendamento incorporada ao Programa Aluga”)
·
Non ser titulares de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou disfrute sobre algunha
vivenda
·
Estar ao día na súas obrigas tributarias
·
Residir ou desenvolver a súa actividade laboral nun municipio da Comunidade Autónoma de
Galicia
·
Non estar recibindo axudas para o aluguer da Xunta de Galicia. Non poderán acceder ás axudas do
Programa Aluga os que xa recibisen axudas para o aluguer durante cinco anos, excepto cando xa
transcorresen dous anos dende a última mensualidade subvencionada.
No proceso de selección de inquilinos para as vivendas incorporadas ao Programa Aluga terán
preferencia as unidades familiares ou de convivencia con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem
e os colectivos definidos como prioritarios e os cualificados, que son os seguintes:
Os
colectivos prioritarios, dentro dos distintos tramos de ingresos, son os
seguintes:
- Menores de 35 anos e maiores de 65
- Familias numerosas.
- Familias monoparentais con fillos.
- Persoas separadas ou divorciadas, ao día no pagamento de pensións alimenticias e
compensatorias, cando sexa o caso.
- Os considerados “colectivos cualificados” que se definen a seguir:
Os
colectivos cualificados son as unidades familiares ou de convivencia con ingresos
anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o IPREM que pertenzan a algún dos seguintes grupos:
- Mulleres vítimas de violencia de xénero.
- Persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecida, e as familias que as teñan ao
seu cargo.
- Emigrantes retornados, nos dous anos anteriores á presentación da solicitude.
- Perceptores da renda de integración social (RISGA).
- Perceptores de pensións.
Axudas a inquilinos
A porcentaxe de subvención ao aluguer vai desde o 30% ata o 70%, mentres no antigo programa de
vivenda ao aluguer a subvención máxima era do 60 por cento.
A contía da axuda fíxase en atención a porcentaxes máximas sobre a renda mensual do aluguer,
segundo tramos de ingresos e colectivos:
TRAMOS
|
COLECTIVOS XERAIS
|
Ata 1 IPREM
|
70%
|
Desde 1 ata 2 IPREM
|
60%
|
Desde 2 ata 2,5 IPREM
|
50%
|
Desde 2,5 ata 3,5 IPREM
|
30%
|
No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a subvención incrementase en 10 puntos
porcentuais, de maneira que irán do 40 ao 80 por cento.
A axuda concédese por un período de doce meses e poderá solicitarse ata un máximo de cinco
anualidades.
Propietarios
Os propietarios de vivendas postas á disposición do Programa de Aluguer poderán beneficiarse
de axudas para rehabilitalas, do seguro multirrisco contratado polo IGVS e das axudas para os
gastos derivados do aluguer.
Condicións das vivendas
Poderán incorporarse ao Programa Aluga as vivendas libres, desocupadas, que reúnan condicións
de habitabilidade e estean emprazadas en concellos con demanda real de vivenda en aluguer. Os seus
propietarios poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas.
As vivendas poñeranse á disposición do Programa Aluga por solicitude dos seus propietarios e
por un prazo mínimo de cinco anos.
Axudas aos propietarios de vivendas
O programa Aluga contempla dous tipos de axuda dirixidas aos propietarios:
- Subvención de obras e actuacións de reforma na vivenda, establecéndose un límite máximo segundo
a antigüidade da vivenda.
Estas axudas van destinadas exclusivamente a persoas físicas
que poñen as vivendas á disposición do Programa Aluga e permitirán subvencionar ata o 75 por cento
do custo das reformas, cun límite de subvención de 3.000 euros para vivendas de menos de 10 anos de
antigüidade e 5.000 euros para as que teñan dez ou máis anos.
As axudas do Programa Aluga son compatibles coas axudas
Renove para a rehabilitación de vivendas establecidas no Plan de Vivenda 2009-2012, podendo chegar
en conxunto ata un máximo 9.500 euros para vivendas de menos de dez anos e 11.500 para o
resto.
Non serán obxecto de subvención as pequenas reparacións ou
reposicións que requira unha vivenda para o seu arrendamento, entendendo por tales aquelas cuxo
orzamento total estimado non exceda 300 euros.
- Subvención de gastos derivados do aluguer, en contía equivalente de ata o 50% do importe do
recibo do imposto de bens inmobles (IBI) da última anualidade vencida, co límite de 100 euros por
vivenda. Esta axuda non se contemplaba nos anteriores programas de aluguer.
Finalmente, suprímense os gastos de xestión previstos no anterior programa, que obrigaba os
propietarios a pagaren por este concepto entre o 2 e o 4 por cento da renda, mantense por conta do
IGVS o seguro multirrisco e de asistencia xurídica e serán por conta dos propietarios das vivendas
os seguros de falta de pagamento de rendas.