-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola q ue se abre o prazo de
solicitude de axudas para o segundo semestre de 2010
-
Destinaranse a subvencións aos inquilinos 5,37 millóns de euros e 500.000 euros a axudas aos
propietarios para rehabilitación de vivendas
-
As axudas do Programa Aluga van dirixidas preferentemente a unidades familiares ou de
convivencia con ingresos entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem
Santiago, 15 de xullo de 2010.- A partir de mañá poderán solicitarse as
subvencións para o alugueiro de vivendas e para a rehabilitación de vivendas destinadas ao aluguer
incluídas no Programa Aluga, tal como establece a Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo
(IGVS) que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).
As axudas concedidas no marco do Programa Aluga no segundo semestre de 2010 poderán acadar un
custe total de 5,87 millóns de euros, segundo aprobou o Consello da Xunta o pasado oito de xullo.
Esta contía de 5,87 millóns de euros destinarase exclusivamente a financiar as axudas concedidas no
segundo semestre de 2010, xa que para as axudas concedidas no primeiro semestre de 2010 xa se
autorizaran 5.225.267,12 millóns de euros no pasado mes de decembro de 2009.
Dos 5,87 millóns de euros aprobados, 5,37 millóns destinaranse a subvencións aos inquilinos e
500.000 euros a subvencións a propietarios de vivendas para a rehabilitación das mesmas antes da
súa posta a disposición dos demandantes de vivenda.
Dado que as axudas se conceden por un período de 12 meses, os 5,37 millóns de euros destinados
a subvencionar aos inquilinos estarán divididos en dúas anualidades, de maneira que se poidan
atender os importes das subvención correspondentes ás mensualidades de 2010 e 2011. Desta maneira,
1.499.000 euros corresponderá a subvencións que se pagarán en 2010 e 3.871.000 a subvencións
pagadas en 2011.
O Programa Aluga vai dirixido a unidades familiares ou de convivencia con ingresos entre 0,7 e
3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), pero terán preferencia as
unidades familiares ou de convivencia con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem. So se
concederán axudas ás familias con ingresos entre 2,5 e 3,5 veces o Iprem no caso de que a oferta de
vivendas supere a demanda das familias con ingreso inferiores a 2,5 veces o Iprem.
Condicións dos beneficiarios
Para acceder aos beneficios do Programa Aluga os solicitantes deberán cumprir, entre outros,
os seguintes requisitos:
·
Ingresos anuais ponderados entre 0,7 e 3,5 veces o Iprem. O límite mínimo de ingresos (0,7 veces o
Iprem) non será preciso acreditalo no caso de colectivos cualificados, que se definen máis
adiante.
·
Estar inscritos ou anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda (Sección 4ª, “Demandantes
de vivenda en réxime de arrendamento incorporada ao Programa Aluga”)
·
Non ser titulares de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou disfrute sobre algunha
vivenda
·
Estar ao corrente na súas obrigas tributarias
·
Residir ou desenvolver a súa actividade laboral nun municipio da Comunidade Autónoma de
Galicia
·
Non estar recibindo axudas para o alugueiro da Xunta de Galicia. Non poderán acceder ás axudas do
Programa Aluga os que xa recibiran axudas para o alugueiro durante cinco anos, excepto cando xa
transcorreran dous anos dende a última mensualidade subvencionada.
No proceso de selección de inquilinos para as vivendas incorporadas ao Programa Aluga terán
preferencia as unidades familiares ou de convivencia con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem
e, dentro dese rango de ingresos, os colectivos definidos como prioritarios e os cualificados, que
son os seguintes:
Os
colectivos prioritarios, dentro dos distintos tramos de ingresos, son os
seguintes:
- Menores de 35 anos e maiores de 65
- Familias numerosas.
- Familias monoparentais con fillos.
- Persoas separadas ou divorciadas, ao corrente no
pagamento de pensións alimenticias e compensatorias, no seu caso.
- Os considerados “colectivos cualificados” que se
definen a continuación
Os
colectivos cualificados son as unidades familiares ou de convivencia con ingresos
anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o IPREM que pertenzan a algún dos seguintes grupos:
- Mulleres vítimas de violencia de xénero.
- Persoas dependentes ou con discapacidade
oficialmente recoñecida, e as familias que as teñan ao seu cargo.
- Emigrantes retornados, nos dous anos anteriores
a presentación da solicitude.
- Perceptores da Renda de Integración Social
(RISGA).
- Perceptores de pensións.
Axudas a inquilinos
A porcentaxe de subvención ao aluguer vai desde o 30% ata o 70%, mentres no antigo programa de
vivenda al alugueiro a subvención máxima era do 60 por cento.
A contía da axuda fíxase en atención a porcentaxes máximos sobre a renda mensual do aluguer,
segundo tramos de ingresos e colectivos:
TRAMOS
|
COLECTIVOS XERAIS
|
Ata 1 IPREM
|
70%
|
Desde 1 ata 2 IPREM
|
60%
|
Desde 2 ata 2,5 IPREM
|
50%
|
Desde 2,5 ata 3,5 IPREM
|
30%
|
No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a subvención incrementase en 10 puntos
porcentuais, de maneira que irán do 40 ao 80 por cento.
A axuda concédese por un período de doce meses poderá solicitarse ata un máximo de cinco
anualidades.
Propietarios
Os propietarios de vivendas postas a disposición do Programa de Aluguer poderán beneficiarse
de axudas para a rehabilitación das mesmas, do seguro multirisco contratado polo IGVS e das axudas
para os gastos derivados do alugueiro.
Condicións das vivendas
Poderán incorporarse ao Programa Alugas as vivendas libres, desocupadas, que reúnan condicións
de habitabilidade e estean emprazadas en concellos con demanda real de vivenda en alugueiro. Os
seus propietarios poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas.
As vivendas poñeranse a disposición do Programa Aluga por solicitude dos seus propietarios e
por un prazo mínimo de cinco anos.
Axudas aos propietarios de vivendas
O programa Aluga contempla dous tipos de axuda dirixidas aos propietarios:
- Subvención de obras e actuacións de reforma na
vivenda, establecéndose un límite máximo segundo a antigüidade da vivenda.
Estas axudas van destinadas exclusivamente a
persoas físicas que poñen as vivendas a disposición do Programa Aluga e permitirán subvencionar ata
o 75 por cento do custe das reformas, cun límite de subvención de 3.000 euros para vivendas de
menos de 10 anos de antigüidade e 5.000 euros para as que teñan dez ou máis anos.
As axudas do Programa Aluga son compatibles
coas axudas Renove para a rehabilitación de vivendas establecidas no Plan de Vivenda 2009-2012,
podendo chegar en conxunto ata un máximo 9.500 euros para vivendas de menos de dez anos e 11.500
para o resto.
Non serán obxecto de subvención as pequenas reparacións ou
reposicións que requira unha vivenda para o seu arrendamento, entendendo por tales aquelas cuxo
presuposto total estimado non exceda de 300 euros.
- Subvención de gastos derivados do aluguer, en
contía equivalente de ata o 50% do importe do recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) da última
anualidade vencida, co límite de 100 euros por vivenda. Esta axuda non se contemplaba nos
anteriores programas de alugueiro.