Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Pola contra, a redución do Plan de Vivenda por parte do goberno central suporá para os galegos a perda de arredor de 150 millóns de euros en axudas

O PROGRAMA ALUGA CONCEDERÁ EN 2011 PRETO DE 11 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS, O MAIOR IMPORTE DENDE A SÚA POSTA EN MARCHA

-         A día de hoxe 3.222 familias galegas benefícianse das axudas do programa Aluga
-         Entre vivendas dispoñibles para alugar e aquelas que se tramita a súa incorporación suman 1.288 vivendas, mentres que a día de hoxe só existen 1.016 demandantes inscritos no Rexistro
-         Polo tanto, na actualidade o programa Aluga ten capacidade para dar resposta á demanda existente
-         Neste ano concederanse axudas por importe de 10,8 millóns de euros, mentres a media dos tres anos de goberno bipartito no chegou a 7,7 millóns por ano
 
Santiago, 11 de xaneiro de 2011.- O programa Aluga, que atende as necesidades das familias que demandan vivenda en alugueiro en Galicia, rexistra na actualidade as mellores cifras de familias beneficiarias e importe de axudas dende que en 2006 botou a andar o programa.
 
A día de hoxe 3.222 familias galegas benefícianse das axudas do programa Aluga, cando en decembro de 2007 eran 2.304 e no mesmo mes de 2008 os beneficiarios eran 2.980.
 
A mesma situación acontece no que respecta aos fondos previstos para axudas ao alugueiro. O pasado 30 de decembro de 2010 o Diario Oficial de Galicia publicaba a Resolución pola que se establece que en 2011 se concederán axudas ao alugueiro por importe de 10,8 millóns de euros, una contía superior á do ano anterior e moi superior a de calquera dos anos do goberno bipartito. En 2008 o goberno bipartito presupostou para axudas ao alugueiro un total de 8,5 millóns de euros e a media dos anos 2006-2008, con orzamentos elaborados e executados na súa totalidade polo anterior goberno a media dos fondos destinados ás axudas de alugueiro non chegou aos 7,7 millóns de euros.
 
ORDES ANUAIS DE AXUDAS PARA ALUGUEIRO
2008
8,5 millóns de euros
Media 2006-2007-2008
7,7 millóns de euros
2011
10,8 millóns de euros
 
Na actualidade o programa Aluga ten capacidade para dar resposta á demanda existente. A parte das 3.222 familias que se benefician do mesmo, a día de hoxe están inscritas no programa outras 386 vivendas xa dispoñibles para alugar e tramítase a incorporación doutras 842 vivendas cuxos propietarios solicitaron adherirse ao programa Aluga.
 
Entre as vivendas xa dispoñibles e as que están en trámite de incorporación ao programa suman 1.228 vivendas, mentres que a día de hoxe os demandantes de vivenda en alugueiro ao abeiro do programa Aluga son 1.016 en toda Galicia.
 
Xestión mais eficaz dos fondos
O incremento do número de vivendas e dos fondos destinados ao programa Aluga foi posible, entre outras cousas, pola racionalización introducida no programa polo actual goberno, reducindo de maneira drástica o custe de xestión do programa.
 
O goberno anterior externalizou a xestión do programa de vivenda en alugueiro, que era realizada por persoal contratado polas xestures, alleo ao IGVS e á Xunta de Galicia. En tres anos os custes de persoal ascenderon a preto de cinco millóns de euros e os custes totais de xestión do programa achegáronse aos nove millóns de euros. A recuperación da xestión do programa por parte do IGVS supón, para o mesmo período de tres anos, un aforro de preto de seis millóns, ao reducirse a menos de tres millóns os gastos totais de xestión do programa, destacando especialmente a redución en gastos de persoal, que quedan en pouco máis de 1,2 millóns para un período de tres anos.
 
COSTE DE XESTIÓN DAS AXUDAS DE ALUGUEIRO
Tres anos co Goberno bipartito.
Persoal
8,7 millóns de euros
Custe total
4,8 millóns de euros
Tres anos co Goberno actual.
Persoal
2,9 millóns de euros
Custe total
1,2 millóns de euros
 
Desvío da atención
Con declaracións como as realizadas hoxe respecto do programa Aluga o PSdeG-PSOE únicamente pretende desviar a atención sobre a redución das axudas do Plan de Vivenda por parte do goberno presidido por Rodríguez Zapatero, entre as que se contan a eliminación da axuda á promoción de vivendas en alugueiro e a reducción das axudas á promoción de aloxamentos protexidos, tamén en réxime de alugueiro. Tamén desaparece a Axuda Estatal Directa á Entrada para a compra de vivendas protexidas e a axuda á promoción de solo destinado á construción de vivenda protexida, e redúcense as axudas ás oficinas municipais de rehabilitación.
 

Esta eliminación e redución de axudas do Plan de Vivenda suporá para os cidadáns de Galicia a perda de arredor de 150 millóns de euros.