-Salienta que o Goberno galego non é alleo a esta problemática e como mostra deste compromiso
destacou que no primeiro Consello da actual lexislatura se aprobou o Programa de Realoxo de
Colectivos Afectados por Execucións Hipotecarias
-Sinala que, segundo
os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, nos seis primeiros meses de 2012 en Galicia houbo
0,47 execucións hipotecarias por cada 1.000 habitantes, mentres que no conxunto de España esa cifra
incrementase ata 1,02
Santiago, 19 decembro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta tratará de
aloxar no contorno máis próximo a aquelas familias que se vexan afectadas por unha situación de
desafiuzamento. Precisou que en función das súas posibilidades e dispoñibilidades dese momento, o
emprazamento desa nova vivenda realizarase no propio concello ou na comarca.
A Xunta conta actualmente con arredor de 150 vivendas de promoción pública vacantes que poden
destinarse a dar acubillo ás familias afectadas polas execucións hipotecarias e, nestes momentos,
se están a tramitar as primeiras solicitudes de afectados por execucións hipotecarias na provincia
de Pontevedra. Trátase fundamentalmente de vivendas usadas recuperadas polo IGVS, ao seren
desocupadas polos seus adxudicatarios.
As vivendas con este fin forman parte do Programa de Realoxo de Colectivos Afectados por
Execucións Hipotecarias, aprobada no primeiro Consello da actual lexislatura; co que a Xunta
pretende dar resposta ás necesidades de ata 500 familias poñendo á súa disposición vivendas de
promoción pública, como primeiro recurso e, cando non se dispoña delas, a través de vivendas
privadas incluídas no Programa Aluga. Este programa trata de complementar as medidas adoptadas polo
Goberno central a través dos sucesivos decretos ao respecto.
Hernández destacou que o Goberno galego vén traballando neste senso, xa que na proposta da Lei
de Vivenda de Galicia xa se propoñen medidas para paliar esta situación, como: a creación de
vivendas de inserción ou asistenciais; aprazamento do pagamento no caso de precariedade económica;
ou maior facilidade para a dación en pagamento das vivendas protexidas.
O conselleiro sinalou que a Xunta de Galicia non é allea aos problemas que os desafiuzamentos
por execucións hipotecarias, que levan a cabo as entidades financeiras, causan ás familias e, por
iso, tomou as medidas oportunas dentro das súas competencias para paliar os seus efectos.
Explicou que, aínda tratándose dun problema grave, a súa gravidade non é tan acusada en
Galicia como no conxunto de España. Tendo en conta os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial,
nos seis primeiros meses de 2012 en Galicia houbo 0,47 execucións hipotecarias por cada 1.000
habitantes, mentres que no conxunto de España esta cifra incrementase ata 1,02, é dicir, máis do
dobre que na Comunidade galega.
Así pois, a Xunta dirixe a súa actuación a adoptar medidas de apoio aos afectados, tendo en
conta que as execucións hipotecarias están reguladas a través da normativa estatal que, polo seu
propio carácter, só se pode modificar no Congreso dos Deputados.
Requisitos
A modo de resumo, o conselleiro explicou os requisitos fundamentais que os beneficiarios das
axudas establecidas pola Xunta de Galicia deberán cumprir:
- Que os ingresos non sexan superiores a 2,5 veces o
Iprem
- E que se trate da execución hipotecaria da súa única
vivenda.
Ademais, terán prioridade na adxudicación destas vivendas
os seguintes colectivos:
- Familias numerosas
- Unidades familiares monoparentais con fillos a cargo
- Unidade familiar en que un dos seus membros (ou parentes
ata terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que convivan na vivenda) teñan declarada
discapacidade, situación de dependencia ou enfermidade que incapacite para realizar unha actividade
laboral.
- Unidade familiar en que o debedor hipotecario se atope en
situación de desemprego
- Unidade familiar en que exista unha vítima de violencia de
xénero.
Agustín Hernández aclarou que este Programa de Realoxo prevé que cando non se dispoña de
vivendas de promoción pública, ou no caso de que as dispoñibles non se adapten ás necesidades da
familia, se poida recorrer ás vivendas incluídas no Programa Aluga. Neste caso o custe mensual do
alugueiro para os adxudicatarios podería oscilar entre 80 e 150 euros, aproximadamente, en función
do tamaño e emprazamento da vivenda.