Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Ethel Vázquez comparece no Parlamento para presentar o Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020, Plan rehaVIta, que prevé un investimento de 600 millóns de euros de investimento e beneficiará a máis de 152.000 galegos

A XUNTACONVOCARÁ DE XEITO INMEDIATO OS CONCELLOS E COLECTIVOS SOCIAIS PARA PEDIRLLES QUE COLABOREN NA APLICACIÓN DO PLAN DE VIVENDA E NA INFORMACIÓN ÁS PERSOAS EN SITUACIÓN DE RISCO

- A conselleira de Medio Ambiente avanza que a mediados de marzo se asinará o convenio coa Sareb que permitirá incorporar as primeiras vivendas para ofertalas como alugueiros sociais a familias con especiais dificultades económicas
- Apela a remar xuntos para conseguir que as familias con máis necesidade coñezan de primeira man as medidas e programas dos que dispón a Administración autonómica para garantirlles un fogar
- Este plan, que se porá en marcha de xeito inmediato, dedicará máis do 50% do seu investimento a facilitar o acceso á vivenda, potenciando o alugamento para os sectores con menos recursos
- Vázquez Mourelle destaca a activación dun bono alugueiro para o apoio urxente a familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda, evitando dese xeito os desafiuzamentos por impagamento da renda
- Crearase tamén unha liña de axudas para a reparación de infravivendas rurais en concellos de menos de 5.000 habitantes, dirixidas a persoas do ámbito rural sen recursos e que posúen unha vivenda que non dispón das condicións mínimas de habitabilidade
- A pesar das fortes restricións orzamentarias, desde ao ano 2009 destináronse máis de 278 millóns de euros ás políticas en materia de vivenda e rehabilitación
 
Santiago, 24 de febreiro de 2015.- A Xunta convidará aos concellos galegos e aos colectivos sociais a participar na divulgación das medidas e programas cos que conta a Administración autonómica para evitar situacións de especial risco. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez compareceu esta tarde a petición propia no Parlamento para expor o Plan de Vivenda de Galicia 2015-20, o Plan rehaVIta, e avanzou que, de xeito inmediato, se iniciará unha rolda de contactos con distintas institucións e colectivos para recabar as súas achegas na aplicación desta estratexia e solicitar a súa implicación na información ás persoas e familias con necesidade de apoio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentou o primeiro plan de vivenda elaborado integramente pola Xunta e afirmou que nace do compromiso e da sensibilidade da actual Xunta coa situación que están a padecer moitos galegos.

Vázquez Mourelle apostou por remar todos xuntos para explicarlle aos afectados as posibilidades que brindan as distintas administracións, para evitar que os galegos sufran situacións de desprotección social e exclusión.

Neses encontros, a Xunta exporá medidas xa en marcha como o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias e outras novidosas, incluídas no Plan rehaVIta, como o Bono Alugueiro, un programa para o apoio urxente a familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda, evitando dese xeito os desafiuzamentos por impagamento da renda. A previsión é que empece a funcionar este verán, para o que se necesita a participación dos colectivos especializados.

Outra das medidas que se porá en marcha de xeito inmediato é o acordo de colaboración coa Sareb, que se asinará a mediados do mes de marzo, e que permitirá incorporar as cen primeiras vivendas para aumentar a oferta de vivenda pública, co obxectivo de ofertalos como alugueiros sociais a familias con especiais dificultades económicas.
Plan de Vivenda de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas salientou que o Plan de Vivenda de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta este mesmo mes e presentado hoxe no Parlamento, é unha planificación estratéxica que guiará as políticas públicas en materia de vivenda nos próximos cinco anos.
 
Grazas a este plan, ademais de facilitar o acceso a un fogar a aqueles que máis o necesitan, espérase fomentar a rehabilitación; beneficiará a máis de 152.000 galegos e suporá mobilizar 600 millóns de euros, dos cales 307 serán investimentos directos da administración pública, é dicir, un 10% máis que no quinquenio anterior, e que permitirá crear 26.500 postos de traballo.
 
Tal e como explicou a responsable de vivenda da Xunta de Galicia, o Plan rehaVIta articúlase arredor de catro eixes: Acceso á vivenda; Rehabilitación de vivendas e renovación urbana; Prevención da exclusión residencial; e outras medidas en materia de vivenda.
 
O primeiro eixe conta con catro programas de actuación, cos que se procurará poñer ao alcance das familias, especialmente das máis desfavorecidas, unha vivenda adecuada e ao que se destinarán máis de 107 millóns de euros, case unha terceira parte do orzamento.
 
Este investimento destinarase á construír vivendas de promoción pública; a facilitar o acceso ao financiamento aos seus adxudicatarios; ao apoio á promoción de vivendas protexidas de protección autonómica, a través da promoción de solo para a construción das desas vivendas e da flexibilización do Rexistro de Demandantes de Vivenda para convertelo nun instrumento máis áxil.
 
Tamén se recolle un programa de apoio aos adquirentes e cooperativas de vivendas de protección autonómica, e por último, o de alugamento de vivenda.
 
No que respecta ao alugamento destaca tamén o impulso e coordinación por parte do IGVS dos programas xestionados polos concellos para que acheguen vivendas baleiras propias ou de particulares para destinalas a alugamento. A Xunta asumirá o seguro multirrisco e de impagamento da renda, así como de asistencia xurídica.
 
O segundo eixe, deRehabilitación de vivendas e renovación urbana dotado con 134 millóns de euros, un 44% do orzamento do plan , reúne todas as actuacións destinadas á rehabilitación do parque de vivendas construído co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos habitantes das ditas vivendas, reducir o impacto no ambiente ao rebaixar a necesidade de construción de novas residencias, fixar poboación nos núcleos históricos e nos núcleos rurais e, en definitiva, un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
 
Os catro programas deste eixo son a rehabilitación illada de vivendas e edificios de vivendas en conxuntos históricos, medio rural, Camiños de Santiago e remate de fachadas de vivendas unifamiliares. Esta liña de axudas enmárcase no obxectivo estratéxico do Goberno de coidado e recuperación da paisaxe e o territorio.
 
Outros dous programas son a rehabilitación directa polo IGVS, adquirindo e rehabilitando vivendas existentes, e directamente sobre as vivendas de promoción pública da súa propiedade e concederá axudas para rehabilitación ás comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública; e as áreas de Rehabilitación Integral (ARI), así como outras actuacións de rehabilitación, no que se inclúen axudas para eficiencia enerxética, por exemplo.
 
A prevención da exclusión residencial é o terceiro eixe do Plan, co que se pretende dar cobertura ás situacións de especial risco naquelas familias en que o custo da vivenda supón unha porcentaxe moi alta dos seus ingresos, por seren estes baixos.
 
Inclúe os seguintes programas:
 
- Vivenda de promoción pública de inserción. Dentro da Estratexia de inclusión social de Galicia 2015-2020, que coordina a Consellería de Traballo crearase unha rede de vivendas de inserción. Serán vivendas que o IGVS porá á disposición das administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades de carácter social, para que as xestionen en réxime de arrendamento ou outras formas de ocupación, destinadas a atender a persoas que requiren unha especial atención e que ademais dunha vivenda precisan dun acompañamento social.
 
- Realoxamento de afectados por execucións hipotecarias. Esta iniciativa está destinada a ofrecer vivenda en alugamento ou ocupación temporal aos afectados por execucións hipotecarias que cumpren os requisitos, en coordinación co programa Reconduce.
 
- Programa de apoio a situacións de emerxencia residencial.Este programa oriéntase a dar solución a situacións de imposibilidade de acceder a unha vivenda que, ademais, poida traer consigo situacións de desprotección social e exclusión.Instruméntase a través do bono alugueiro, como apoio urxente para familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda. As situacións de necesidade serán avaliadas polos concellos, como entidade máis próximas ao cidadán.
 
Este programa inclúe tamén unha liña de axudas para a reparación de infravivendas rurais en concellos de menos de 5.000 habitantes, dirixidas a persoas do ámbito rural sen recursos e que posúen unha vivenda que non dispón das condicións mínimas de habitabilidade ou están en situación de semirruína.  
 
E o cuarto eixe inclúe medidas normativas, estudos e traballos relativos á calidade da construción e normativa técnica, posta en funcionamento do rexistro de informes de avaliación dos edificios e regulación do Rexistro de Promotores da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras cuestións.
 
Resultados dos esforzos dos últimos anos
A conselleira de Medio Ambiente salientou que o Plan de Vivenda 2015-2020 afianza as directrices da política que se desenvolveu nos últimos anos e redobra os esforzos cuantitativa e cualitativamente, ao incrementar os recursos e poñendo en marcha novos programas e medidas para chegar aínda máis lonxe e para dar resposta a un maior número de persoas e situacións.
 
A pesar das fortes restricións orzamentarias, a prioridade do Goberno foi atender aos sectores da poboación máis desprotexidos, polo que os esforzos se centraron naquelas situacións de emerxencia derivadas das execucións hipotecarias e o 100% das solicitudes neste eido foron atendidas: a todos os afectados por unha execución hipotecaria que solicitaron o realoxo e cumprían os requisitos se lles adxudicou unha vivenda.
 
Tamén se deu apoio a aqueles que deixaron a vivenda antes da execución, ás vítimas de violencia de xénero ou ás familias que perderon a súa vivenda por circunstancias alleas a elas. Desde 2009 o Instituto Galego da Vivenda e Solo adxudicou de maneira directa 157 vivendas de promoción pública para dar resposta a persoas neste tipo de situacións complicadas.
 
Apostouse por promover a conservación e recuperación do xa construído antes de continuar ocupando o solo, polo que se impulsou a rehabilitación coa realización de actuacións emblemáticas, executadas directamente polo IGVS en lugares como Lugo –na Tinería e Mazoi-, en Ourense, Vigo, Mondoñedo, Vilalba ou Vila de Cruces; ou a través da declaración de áreas de rehabilitación integral en 128 concellos de Galicia, acadando unha importantísima recuperación do patrimonio e facendo de Galicia un referente estatal na materia. Grazas a este impulso rehabilitáronse máis de 63.000 vivendas rurais logrando, ademais da súa adecuación ao contorno, unha mellora notable nas condicións de vida dos seus ocupantes.
 
Ethel Vázquez recordou que outro piar que guiou as actuacións da Xunta en materia de vivenda foi a posta en marcha de programas de axudas destinadas ao alugueiro de vivendas particulares, que fixeron máis doado acceder a un fogar a miles persoas con dificultades.
 
“Un conxunto de medidas ás que se destinaron máis de 278 millóns de euros desde o ano 2009 para poñer en marcha novos programas e medidas co fin de atender as necesidades dun maior número de persoas e situacións”, afirmou a conselleira.