Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde destas axudas, que poderán solicitarse a partir de mañá

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA O REFORZO DA LOITA CONTRA OS DESAFIUZAMENTOS CO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL, QUE ACHEGARÁ 150 EUROS MENSUAIS ÁS FAMILIAS QUE NON POIDAN ASUMIR O ARRENDAMENTO

- A titular de Infraestruturas precisa que estas axudas concederanse por un período de 12 meses, que poderá prorrogarse durante un ano máis previa solicitude
- A maiores, o programa prevé a concesión dunha axuda adicional de 450 euros para no caso de poder permanecer na vivenda, axudar a aboar cantidades pendentes, ou en novos arrendamentos, cubrir gastos como a fianza ou a alta de subministros
- As solicitudes iranse analizando e resolvendo por orde de presentación, de tal xeito que, unha vez que presenten toda a documentación e acrediten cumprir todos os requisitos, poderán empezar a percibir o Bono de Alugueiro Social
- Vázquez concreta que o crédito previsto para estas axudas neste ano ascende a 255.000 euros e a estimación do Goberno galego é poder axudar nestes meses ata 300 familias, e antes de que remate o ano convocar máis axudas para 2016, investindo un total de 3 millóns de euros ata 2017
- Os beneficiarios deben estar afectados por un procedemento de desafiuzamento por impago de rendas dun contrato de arrendamento de duración mínima de 12 meses, que a vivenda actual ou a nova vaia ser domicilio habitual e que os ingresos sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples
- A conselleira reitera que a Xunta non se dará por satisfeita mentres unha soa familia estea en risco de quedar sen fogar, polo que se continuará co Plan rehaVIta, reforzando os realoxos cos acordos asinados coa Sareb e entidades financeiras

Santiago, 28 de agosto de 2015.- Ethel Vázquez salienta hoxe o reforzo da loita contra os desafiuzamentos coa posta en marcha do Bono de Alugueiro Social, que achegará 150 euros mensuais ás familias que non poidan asumir o arrendamento da súa vivenda. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, presentou hoxe este novo programa para dar resposta ás necesidades sociais en materia de vivenda.

A titular de Infraestruturas precisou que estas axudas concederanse por un período de 12 meses, que poderá prorrogarse durante un ano máis previa solicitude do interesado. A maiores, o programa prevé a concesión dunha axuda adicional de 450 euros para no caso de poder permanecer na vivenda, axudar a aboar as cantidades pendentes, ou no caso de novo arrendamento, contribuír a cubrir os gastos da formalización do contrato, como a fianza ou a alta de suministros.

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a primeira convocatoria destas axudas, que poderán solicitarse a partir de mañá e ata o próximo 30 de novembro. As solicitudes iranse analizando e resolvendo por orde de presentación, de tal xeito que, unha vez que presenten toda a documentación e acrediten cumprir todos os requisitos, poderán empezar a percibir o Bono de Alugueiro Social.

A conselleira indicou que en total a Xunta dedicará un investimento total de 3 millóns de euros a estas axudas ata 2017 e que permitirán, xunto co resto dos programas postos en marcha pola Xunta, atender a totalidade das familias que afrontan unha ameaza de desafiuzamento por non poder pagar o alugueiro da súa vivenda principal.

Ethel Vázquez concretou que o crédito previsto para destinar ás axudas do Bono de Alugueiro Social neste ano ascende a 255.000 euros. Engadiu que a estimación do Goberno galego é poder axudar ata final de ano ata a 300 familias, e antes de que remate o ano convocar xa as axudas do Bono de Alugueiro Social correspondentes a 2016.

Obxectivos
A responsable de Infraestruturas subliñou que o obxectivo deste programa é actuar nunha dobre dirección: primeiro, intentando paralizar o proceso de desafiuzamento ao proporcionarlle aos inquilinos unha axuda económica que lles permita garantir o pago da renda; e segundo, cando non sexa posible, axudándolles ás familias desaloxadas da súa casa a afrontar o pago do arrendamento dun novo fogar.

Vázquez precisou que o Bono de Alugueiro Social consiste nun apoio económico urxente, cunha contía total que pode superar os 4.000 euros por familia repartidos en dous anos, e que pretende conseguir que as familias en risco de desafiuzamento por non poder pagar o alugueiro, teñan garantido un fogar cando están a atravesar por unha situación de serias dificultades.

Beneficiarios
Para acollerse a estas axudas públicas, os beneficiarios deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que destacan estar afectado por un procedemento de desafiuzamento por impago de rendas dun contrato de arrendamento de duración mínima de 12 meses, que a vivenda actual ou a nova vaia constituír o domicilio habitual e que os ingresos ponderados da unidade de convivencia sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples, o denominado IPREM.Isto quere dicir que para unha familia de 3 membros, o límite máximo de ingresos é de 1.164,87 euros ao mes.

As bases destas axudas establecen uns prezos máximos para os alugueiros a pagar polos beneficiarios do Bono de Alugueiro, e que varían en función da ubicación da vivenda. Así, a renda máxima da vivenda será de 400 euros para as vivendas situadas na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; de 350 euros para as vivendas situadas nunha lista de municipios que rexistran prezos de alugueiro medio; ou de 300 euros nas para as vivendas situadas nos concellos con prezos máis baixos.

Erradicación de desafiuzamentos
Vázquez reiterou que a Xunta non se dará por satisfeita mentres unha soa familia estea en risco de quedar sen fogar. Concretou que a meta é a erradicación definitiva dos desafiuzamentos por motivos económicos e para acadala é preciso atender tamén ás persoas que se atopan en risco de perder o seu fogar por impago das rendas de alugueiro. Para iso, fíxose extensivo a estas persoas o programa de realoxos, de tal xeito que as familias máis vulnerables, obrigadas a deixar a súa vivenda habitual por non poder pagar o arrendamento, poden ser realoxadas de forma directa nas vivendas cedidas pola Sareb.

Vázquez subliñou que lonxe de mudar as prioridades que veñen marcando a política social de vivenda desde o ano 2009, a Xunta redobra os esforzos para garantir o acceso a un fogar aos colectivos máis desfavorecidos. Estes esforzos lévanse a cabo non só con recursos económicos, senón tamén deseñando solucións adaptadas ás distintas situacións de desprotección, para chegar, desde a Administración, a todas as familias que estean en dificultades.

A conselleira sinalou que a folla de ruta do seu departamento é o Plan rehaVIta, o primeiro plan autonómico de vivenda, aprobado a comezos deste ano, que consolida os programas en marcha desde hai tempo e que establece novas medidas co único obxectivo de por un fogar á disposición de todos os que o precisan.

Nese marco reforzouse o programa de realoxos para afectados por execucións hipotecarias, o que permite dar unha solución ao 100% das familias que se dirixiron á Xunta de Galicia e que cumprían uns requisitos sinxelos.

Este programa ve ampliada a súa capacidade e eficacia grazas aos acordos asinados coa Sareb e coas entidades financeiras. En virtude desa aposta pola colaboración non só hai 200 vivendas máis para realoxar as persoas que teñen que abandonar o seu fogar por non poderlle fronte á hipoteca, senón que, ademais, actúase tamén na prevención, co compromiso dos bancos de non executar o desafiuzamento e permitir que os afectados permanezan na vivenda mediante un alugueiro social que nunca superará os 125 euros ao mes.

Ethel Vázquez salientou que grazas a ese acordo, ao que se agarda que se adhiran pronto máis bancos, hoxe hai xa a garantía de que ningún proceso de execución hipotecaria dependente da maior entidade financeira de Galicia, acabará en desafiuzamento.

A titular de Territorio insistiu en que o Goberno galego, desde o ano 2009, e a pesar das fortes restriccións orzamentarias, leva investidos máis de 275 millóns de euros en política social de vivenda, e non deixará de esforzarse mentres haxa familias en risco de perder o seu fogar por motivos económicos.

A conselleira adiantou que nos vindeiros meses quedará constituído o Censo de Vivendas Baleiras, actualmente en tramitación, que debe funcionar como rexistro que facilite datos fiables das vivendas baleiras propiedade das entidades de crédito e sociedades de xestión de activos. Engadiu que este censo contribuirá a dinamizar o mercado de vivendas baleiras e debe permitir realizar a planificación social da política de vivenda que se concretará na posterior elaboración dos plans e programas de actuación.