Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E A SAREB RENOVAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA FACILITAR UNHA VIVENDA A MEDIO CENTENAR DE FAMILIAS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director de responsabilidade social da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) veñen de renovar o convenio de colaboración, polo cal a sociedade de xestión de activos cede 50 inmobles á Xunta
• Cómpre lembrar que a semana pasada tamén se renovou o convenio de colaboración para a cesión de vivendas de alugueiro social a máis de 80 familias
• Recorda que a Xunta estableceu unha Axenda Social, na que se recollen 12 medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impagos do alugueiro

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia e a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) veñen de renovar o convenio de colaboración, polo cal a sociedade de xestión de activos cede medio centenar de inmobles co fin de facilitar unha vivenda a 50 familias.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director de responsabilidade social da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), Gaspar González-Palenzuela, mantiveron unha reunión de traballo, durante a que abordaron a renovación do convenio de colaboración para a cesión de medio centenar de inmobles destinados ao alugueiro.

As persoas que se beneficien deste programa de alugueiro social pagan mensualidade de un máximo de 133 euros. A conselleira recordou que se trata dunha medida para facilitar unha vivenda a persoas que se viron afectadas por unha situación de desafiuzamento.

A ratificación deste convenio súmase tamén á renovación do convenio de colaboración entre a Xunta e a Abanca, polo cal se ceden vivendas de alugueiro social a máis de oitenta familias ata o ano 2022.

Ambas medidas son acordes ao fins que establece o programa Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, co que se pretende dar unha resposta a aquelas persoas que perderan a súa vivenda e ofrecer un domicilio alternativo a aqueles que perderan a súa única vivenda. Facilítase un inmoble propiedade do IGVS ou inmobles cedidos á Xunta polas entidades financeiras.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que para aqueles casos que precisan dun apoio urxente, cóntase co Bono de Alugueiro Social. Trátase dunha axuda cun importe máximo de 225 euros mensuais que se concede por un período de 12 meses prorrogables ata un total de tres anos. Ademais, inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.

Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta traballa para que os cidadáns non perdan o seu fogar, por iso dentro da Axenda Social, definíronse e activáronse un total de 12 medidas encamiñadas a dar cobertura ás persoas en risco de perder a súa vivenda ou que xa a perderon por non poder facer fronte ao pagamento da cota hipotecaria. Son ferramentas que pretenden garantir unha axuda da Xunta a todas as persoas afectadas que o soliciten e cumpran os requisitos.