• A Comisión Provincial de Vivenda vén de aprobar a proposta de adxudicación do inmoble, cedido
ao IGVS polo Banco Sabadell para destinala a alugueiro social
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), adxudicará un inmoble
en réxime de alugueiro no Concello de Pontevedra a unha familia en risco de exclusión social. Así o
acordou a Comisión Provincial de Vivenda, que vén de aprobar a proposta de adxudicación.
Unha vez asinado o correspondente contrato coa familia adxudicataria, procederase a
entregarlle oficialmente a vivenda, que foi cedida polo Banco Sabadell ao IGVS para ser destinada a
alugueiro social.
Cómpre lembrar que desde o ano 2015 a Xunta realoxou xa a preto de 200 familias en situación
de extrema necesidade en vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou cedidas por
Abanca, Sareb, Banco Sabadell e CaixaBank.
A estas familias hai que sumar tamén as beneficiadas polo chamado Bono de Alugueiro Social,
un programa de subvencións cun importe máximo mensual de 225 euros pensado para casos nos que se
precisa dun apoio urxente, e outras medidas adoptadas pola Administración autonómica.