• Grazas a unha modificación das bases que rexen estas subvencións facilitase o pago do
alugueiro a este colectivo social, que se suma a outros que xa se benefician do mesmo, por estas
inmersas en situacións de especial dificultade ou en circunstancias de emerxencia social
• As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social asinaron o
convenio de colaboración para axudar a estas persoas a acceder a unha vivenda nesta nova etapa da
súa vida
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia amplía o
colectivo de beneficiarios de axudas do Bono de Alugueiro Social ás rapazas e rapaces tutelados
pola Administración autonómica que acaden a maioría de idade.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de
Política Social, Fabiola García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer a
disposición de dous novos colectivos axudas do Bono Alugueiro Social, grazas á modificación das
bases que rexen esta subvención destinadas a facilitar o pago do alugueiro e que se publicará nos
próximos días.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que o Programa Aluga para o fomento do alugueiro de
vivendas púxose en marcha no ano 2015, para facilitar o acceso á vivenda a aquelas unidades de
convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar
inmersas en situacións de especial dificultade;as vítimas de violencia de xénero que teñan
dificultades para asumir o custo do arrendamento; aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda
habitual por danos no inmoble derivados dunha circunstancia imprevisible; ou por concorrer
circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecidos no
Programa de Vivendas Baleiras.
Engadiu que tamén se habilitou o Bono de Alugueiro Social, unha axuda mensual de ata 225
euros, o 50% do custe mensual, que se concede por un período de doce meses e prorrogable ata un
total de tres anos; ao que tamén se pode sumar unha axuda única de 600 euros para o pago dos custes
de formalización do contrato de alugueiro. Ángeles Vázquez sinalou que, dende a creación, o Bono de
Alugueiro Social concedeuse a 1.022 solicitantes, por un importe de preto 3,1 millóns de euros,
ademais de conceder 719 prórrogas por importe de preto de 1,7 millóns de euros. Recordou que tamén
existe unha modalidade de Bono de Alugueiro Social, no marco do Pacto de Estado, destinado
exclusivamente a vítimas de violencia de xénero, os fillos dependentes e vítimas de explotación
sexual, que foi creado este ano.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social destacou a importancia dun goberno que reme
ao unísono e impulse medidas transversais que, neste caso, beneficiarán aos máis de 1700 menores
tutelados pola Xunta de Galicia. Fabiola García lembrou que se trata dunha medida moi importante
dada a necesidade destes mozos e mozas de ter unha vivenda ao acadar os 18 anos e abandonar os
centros da Administración autonómica.
Neste sentido, apuntou que este convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo únese ao
programa de inserción laboral Mentor, no que participan cada ano 500 mozas e que tamén permite
dotar de estabilidade aos menores extutelados. Unha medida que, sinalou, incide no obxectivo de
promover a igualdade de oportunidades entre todas as galegas e galegos.