• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo entrega esta mañá dunha vivenda de
promoción pública a unha familia que perdeu a súa vivenda nun incendio, polo que as políticas da
Xunta nesta materia responden ao obxectivo de facilitar a vida aos galegos
• Salienta que ao longo deste trimestre o Diario Oficial de Galicia convocará as distintas
axudas, ordes e programas en materia de vivenda cos que se mobilizar mobilizar un orzamento de máis
de 34 millóns de euros
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou esta mañá que a Xunta de Galicia vén de convocar no
Diario Oficial de Galicia a liña de axudas ao Bono de alugueiro social, unha subvención que se pode
solicitar ata finais de ano.
Ángeles Vázquez recordou esta mañá esta convocatoria durante a entrega dunha vivenda de
promoción pública a unha familia de Foz, que perdeu a súa residencia nun incendio rexistrado a
finais de ano. Ante esta situación, a Xunta trasladou aos afectados as posibilidades para
facilitarlles un novo fogar: acceder a unha vivenda de promoción pública (opción aceptada) ou
solicitar unha axuda dentro do programa Bono de Alugueiro Social, que consiste nunha axuda mensual
destinada ao pago do alugueiro por importe de 225, 200 ou 175 euros, contía que varía en función de
se a vivenda se sitúa nunha das sete grandes cidades galegas, nunha vila ou nun concellos de tipo
rural. O importe mensual da axuda equivale, en todo caso, ao 50 por cento do prezo máximo que
poderá ter a vivenda alugada.
Asemade, ademais da axuda mensual do Bono de Alugueiro Social, os beneficiarios tamén teñen
dereito a unha achega única inicial de 600 euros, destinada a pagar os gastos de constitución do
contrato de alugueiro ou dos contratos de subministros básicos para a vivenda (luz, auga, etc).
Explicou que este programa é unha oportunidade para dar unha resposta e solución a aquelas
persoas ou familias que se ven afectadas por un incidente impredecible, como por exemplo o incendio
da vivenda, e tamén para axudar a colectivos sociais con dificultades, como os mozos que estiveran
tutelados pola Xunta, unha vez saian do réxime de tutela -unha das novidades da convocatoria
actual- ou persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de
execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que ao longo do trimestre se convocarán todas as
axudas en materia de vivenda, tanto para a adquisición, alugueiro como rehabilitación; máis de dez
liñas de incentivos que permiten mobilizar un orzamento de máis de 34 millóns de euros, e que supón
un incremento dun 11% con respecto á de 2019.
Salientou que ata o momento, xa se teñen convocado as axudas para a adquisición de vivendas
por parte de menores de 35 anos tanto en cascos históricos como en concellos de menos de 5.000
habitantes, as axudas de préstamos á rehabilitación, e a liña de fomento do alugueiro e para o
alugueiro por persoas maiores ou discapacitados, unha liña dirixida especificamente para os
promotores de vivenda. Nos vindeiros meses, convocaranse as restantes liñas, como as ordes de apoio
á rehabilitación de vivendas, entre as que destacan ás Áreas de Rehabilitación Integral, o Programa
de infravivenda, ou o Programa de vivendas de mestres.