Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA APROBA A COBERTURA DO 100% DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL DOS COLECTIVOS MÁIS DESFAVORECIDOS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

- As persoas beneficiarias deste bono social non terán que facer fronte ao pago do alugueiro mensual, xa que o Goberno galego asume a totalidade da renda da vivenda mentres dure o estado de alarma 
- O Consello da Xunta tamén acordou destinar máis de dous millóns de euros para o presente exercicio ao programa de axudas ao alugueiro para vítimas de violencia de xénero 
- Tamén decidiu o aprazamento do cobro dos recibos de alugueiro das vivendas de promoción pública e dos locais comerciais propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo



Santiago, 27 de marzo de 2020.- A Xunta de Galicia vén de aprobar que a Administración galega asuma a cobertura no 100% das axudas do Bono de alugueiro social dos colectivos máis desfavorecidos mentres se mantén o Estado de alarma debido á crise do Covid-19. É dicir, aquelas persoas que na actualidade sexan beneficiarias dunha axuda ao amparo do programa Bono de Alugueiro Social veranse excluídos de facer fronte do pago do alugueiro mentres se manteña o estado de alarma.

A Xunta tomou a decisión de asumir tamén a parte da renda que non cubre a axuda concedida ao abeiro do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero durante a vixencia das medidas excepcionais adoptadas en relación co COVID-19. Trátase duns 157.500 euros ao mes que se aboarán para pagar a renda pola vivenda duns 700 beneficiarios actuais do programa; que non terán que facer fronte ao pago do alugueiro mensual.

O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá tamén autorizou hoxe a convocatoria das axudas en 2020, para vivenda a vítimas de violencia de xénero a través da concesión do Bono de Alugueiro Social, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Esta orde de axudas está dotada cun orzamento de máis de dous millóns de euros.

Estas subvencións están destinadas a atender con carácter urxente ás seguintes unidades de convivencia, como: 

- As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia “por interpósita persoa”, con resultado de morte.

- As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima. 

36 meses de axuda
O Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero terá un importe de 225, 200 ou 175 euros, segundo o concello no que se atopa a vivenda alugada. Esta axuda equivale ao 50 por cento do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro da vivenda en cada zona, que será de 450 euros ao mes nas sete grandes cidades, de 400 euros nos concellos de carácter urbano e de 350 nos concellos de tipo rural. As bases publicadas no DOG do 24 de abril de 2019 inclúen a lista de concellos en que se aplica cada importe máximo.

O Bono concederase por un período de doce meses, prorrogable dúas veces pola mesma duración, de maneira que pode chegar ata un total de tres anos.

Poderase solicitar unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, que se destinarán a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

As axudas poderán solicitarse a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 11 de decembro de 2020, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario.

Facilitar o dereito á vivenda
O Goberno galego habilita e deseña instrumentos para facilitar aos cidadáns, sobre todo aos colectivos máis vulnerables, o acceso a unha vivenda digna.

A situación actual, por mor da crise sanitaria do coronavirus, obriga ás Administracións situarse ao carón de quen máis o precisa, co obxectivo de causar o menor prexuízo posible, como poden ser os adxudicatarios das vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en réxime de alugueiro e dos locais comerciais da súa propiedade alugados a particulares e asociacións.

Nese sentido, a Xunta decidiu non xirar os recibos desde abril e mentres se manteña a actual situación de estado de alarma; pois nesta crise sanitaria é necesario apoiar a aqueles que teñen maiores dificultades sociais.

Así, máis de 3.500 familias aloxadas en vivendas de promoción pública do IGVS poderán beneficiarse deste aprazamento, así como os inquilinos de 42 locais comerciais alugados tamén por esta entidade. O importe total dos recibos correspondentes ao mes de abril ascende a máis de 300.000 euros.