Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCA O BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL PARA VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO DOTADO CON DOUS MILLÓNS DE EUROS

• O DOG publica hoxe a convocatoria, con financiamento plurianual, dunha liña de axudas específica destinada a este colectivo, aos seus fillos dependentes e a mulleres vítimas de explotación sexual
• As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá e ata o vindeiro 11 de decembro, preferiblemente por vía electrónica
• Este é o segundo ano que o Goberno galego saca este programa no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar unha liña de subvencións dentro do Programa do Bono de Alugueiro Social destinada especificamente ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia de xénero, fillos dependentes e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Así consta na Resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia en virtude da cal as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e ata o próximo 11 de decembro de 2020, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario: 2.050.000 euros repartidos entre as anualidades de 2020 e 2021.

Cómpre lembrar que a Xunta creou o Bono de Alugueiro Social específico para víctimas de violencia de xénero en 2019, concedendo nesa primeira convocatoria un total de 120 axudas por importe de 356.360 euros. Este colectivo xa figuraba entre os potenciais beneficiarios do bono de alugueiro ordinario, pero coa posta en marcha desta liña de axudas específica flexibilízanse os requisitos de acceso.

Concretamente, poden acollerse a estas subvencións para o alugueiro as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e dependencia económica do seu agresor; as vítimas de casos de trata con fins de explotación sexual, nunha relación de dependencia da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación; as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa con resultado de morte -isto é, aquelas que sufran o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador-; e as fillas e fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor.

A contía do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero será de 225, 200 ou 175 euros mensuais, segundo o concello no que se atopa a vivenda alugada. Esta axuda equivale ao 50 por cento do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro da vivenda en cada zona, que será de 450 euros ao mes nas sete grandes cidades, de 400 euros nos concellos de carácter urbano e de 350 nos de tipo rural. As bases publicadas no DOG do 24 de abril de 2019 inclúen a lista de concellos en que se aplica cada importe máximo.

O Bono concederase por un período inicial de 12 meses, prorrogable dúas veces máis pola mesma duración, de maneira que a vixencia máxima da subvención será de ata tres anos.

Así mesmo, os beneficiarios poderán pedir tamén unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, que se destinarán a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

As solicitudes para optar á convocatoria 2020 do Bono de Alugueiro Social destinado a vítimas de violencia de xénero, fillos dependentes e vítimas de trata con fins de explotación sexual deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).