• A Consellería deseña unha batería de medidas para facilitar que os galegos manteñan e accedan
a unha vivenda, como a convocatoria da Orde extraordinaria de axudas ao alugueiro, a pesar de que o
Estado aínda non transferiu os fondos comprometidos
• Para reactivar a economía, habilitaranse axudas para a compra de vivenda protexida e o
impulso á construción, poñendo a disposición parcelas para edificar ou inmobles a rehabilitar en
cascos históricos
• A adquisición de solo empresarial tamén contará con bonificacións, como unha maior
flexibilidade nos pagos e novas condicións de adxudicacións de solo
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda está a traballar co fin de poder asumir o importe do alugueiro dos meses que
restan do ano de todas aquelas persoas que na actualidade reciben axuda do programa Bono de
alugueiro social. Esta nova decisión sumaríase ao compromiso xa asumido polo Goberno galego durante
os meses de abril e maio, co fin de evitar que ningunha familia galega en situación de
vulnerabilidade se puidese ver en risco de perder o seu fogar.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou que con esta
decisión a Xunta asumiría a cobertura do 100% das axudas de máis de medio ano, o que supón aboar a
renda íntegra de nove meses pola vivenda a todos os beneficiarios cos que conta este programa, que
son 700 a día de hoxe.
Ángeles Vázquez compareceu esta mañá para informar das medidas adoptadas polo departamento
que dirixe para facer fronte á situación motivada pola pandemia do Covid-19, así como do traballo
realizado “día a día desde hai mes e medio para dar unha resposta desde o punto de vista
medioambiental, da vivenda e da xestión do territorio”. Sinalou que con rapidez e axilidade se
puxeron enriba da mesa medidas coa vista posta no máis inmediato, á fin de atender ás necesidades
máis urxentes; pero tamén mirando xa ao momento posterior á crise, co obxectivo de apoiar e poñer
un gran de area para a reactivación paulatina da economía galega e do benestar social.
Adiantou que o IGVS está a ultimar o texto de Decreto polo que se convocarán as axudas
extraordinarias ao alugueiro creadas no Real Decreto Lei 11/2020, a pesar de que o Goberno do
Estado aínda non transferiu os fondos cos que financiará estas axudas. Indicou que –fronte á demora
do Estado, que tampouco puxo aínda a disposición dos cidadáns os préstamos avalados para o pago do
alugueiro- a Xunta porá en marcha actuacións e medidas para activar a economía, como as axudas para
a compra de vivenda protexida, que chegarán ata os 20.000 euros para unidades familiares con
ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM e que estarán dotadas de 5 millóns de euros.
Tamén se impulsará a construción de vivendas en alugueiro a través da posta a disposición, en
condicións favorables, de parcelas para nova construción ou edificacións para rehabilitar en
conxuntos históricos. Outra das novidades será a ampliación de liñas de axudas xa convocadas, como
a de infravivenda, que aumenta en 100.000 euros a convocatoria, a de vivendas de mestres, en 1,1
millóns, e as de eficiencia enerxética e accesibilidade, en 1,1 millóns.
A reactivación económica tamén virá da man do apoio aos empresarios, aos que se lles
concederá unha carencia de 12 meses do canon das parcelas do IGVS e de Xestur xa adxudicadas en
dereito de superficie ás empresas que atravesen dificultades. Tal e como explicou Vázquez Mejuto, é
unha medida novidosa, coa que se dá maior flexibilidade nos pagos para que as empresas poidan
empezar a súa recuperación económica. O importe será abonado polo adxudicatario nun prazo de ata 8
anos contados a partir da finalización da carencia.
Para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie tamén se habilitarán
condicións ventaxosas, como ofrecer tres anos de carencia para iniciar o pago do canon, fronte ao
ano que se aplica actualmente, poderán adquirir a parcela mantendo o desconto do 40% do canon nos
primeiros 12 anos, fronte aos 10 actuais, tamén se ampliará en dous anos a posibilidade de adquirir
unha parcela cunha bonificación do 15% ou do 25 do prezo da parcela e se prolonga o prazo para
pagar o importe de compra das parcelas ata os seis meses, fronte o mes que se concede agora.
A conselleira recordou que o Goberno galego activou todas as obras, contratos de servizos,
subministros e subvencións, que na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se concretan
na reanudación de trámites en 58 expedientes de subvención, o que implica mobilizar un orzamento de
máis de 100 millóns, dos que 41,4 son para este ano 2020; a continuación da execución de 45
contratos de obras, por un importe de 37,6 millóns; a reanudación de 90 contratos de servizos
valorados en 746 millóns; así como a declaración como esenciais todos os procedementos
urbanísticos, todos os de tramitación dos planeamentos urbanísticos, a inscrición no rexistro do
planeamento urbanístico, as autorizacións e declaracións responsables ou outros procedementos, como
tramitación de proxectos sectoriais, aos que se unirán todos os procedementos ambientais.
Medidas adoptadas
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o Estado de alarma provocou cambios a todos os
niveis, unha nova situación que tiveron unha resposta social cun valor intanxible que se demostrou
en xesto como a posta en marcha dun programa de voluntariado dos axentes medioambientais para a
vixilancia de camiños rurais e espazos naturais, garantindo o cumprimento do confinamento; ao tempo
que proporcionan apoio ás persoas maiores ou con discapacidade en zonas rurais ou con pouca
poboación.
Asemade, dentro do seu ámbito competencial, e co fin axudar ás mascotas abandonas habilitouse
unha partida económica para garantir o subministro de emerxencia para cubrir as necesidades
alimenticias de case 2.300 animais (cans e gatos), a través do reparto de case 20.000 quilos de
penso, así como manter o normal funcionamento dos centros de recuperación de fauna, a pesar das
circunstancias de confinamento.
Outra das consecuencias medio ambientais desta crise sanitaria foi a irrupción abrupta de
novos residuos, que antes eran anecdóticos, como os EPIs (luvas, mascarillas e equipos de
protección individual, principalmente), polo que Sogama preparouse nun breve tempo para asumir a
xestión de 5 toneladas diarias de residuos sanitarios de baixo risco. É dicir, evitouse estes
residuos se convertera nun problema máis desta crise, dando unha resposta como a recollida dos
mesmos porta a porta en residencias integradas de maiores dependentes da Xunta, en Cangas, Vigo,
Santiago de Compostela e Baños de Molgas.
A conselleira resumiu as medidas posta en marcha para paliar os efectos da crise sanitaria do
coronavirus en materia de vivenda, ademais de cubrir o 100% do alugueiro de abril e maio ás
familias máis desfavorecidas, tamén se decidiu aprazar os recibos de alugueiro das vivendas de
promoción pública e locais comerciais do IGVS e de Xestur, coa que se beneficia a máis de 3.500
familias e inquilinos de locais comerciais; ao tempo que se suspenderon os prazos de presentación
de solicitudes das axudas convocadas polo IGVS, evitando os efectos negativos que tería o fin dos
prazos en pleno estado de alarma.
Asemade, tamén se aprazaron as rendas de abril e maio do alugueiro ou dereito de superficie
das parcelas situadas en polígonos empresariais propiedade do IGVS e de Xestur; mentres que nas
seguintes semanas se realizaron pagamentos por 8 millóns de euros en concepto de axudas,
certificacións e facturas.
Apoiar o retorno da actividade tamén foi un obxectivo deste departamento, polo que -coas
medidas sanitarias necesarias, retomáronse 13 obras de edificación, rehabilitación de vivendas e
execución en parques empresariais, que suman un importe de preto de 24,5 millóns de euros e que dan
traballo a 200 persoas en localidades como Betanzos, Lugo, Vigo, Pontevedra, Salvaterra de Miño,
Arteixo, A Pontenova e Santiago de Compostela.
Período de ambigüidade
Ángeles Vázquez salientou o esforzo e bo comportamento do conxunto da poboación, sobre todo
ante determinadas cuestións anunciadas polo Estado que –lonxe de ser unha resposta- provocaron
controversia e ambigüidade.
A modo de exemplo, citou a decisión adoptada no seo da CECOP, que vén de autorizar accións de
caza de xeito excepcional en zonas con maior risco, para evitar posibles incidencias que a fauna
salvaxe poida provocar. Primando a seguridade das persoas e do tráfico, ademais de reducir os danos
en cultivos, no inicio da época de semente como apoio a este sector esencial que debe seguir
funcionando. Engadiu que a Xunta decidiu comunicar esta decisión, despois de que dous Ministerio
trasladaran instrucións contraditorias.
Na mesma liña, outro dos sectores clave en Galicia no que as decisións do Goberno central
están a xerar dúbidas e intertidume é o da pesca fluvial. Ao respecto, Vázquez Mejuto lembrou que
coincidindo coa declaración do estado de alarma, acordouse a suspensión temporal desta práctica e a
devolución das taxas aboadas en concepto de permisos de pesca, e que o presidente da Xunta avanzou
que solicitaría ao Executivo central que se permitise este tipo de práctica, por considerarse un
deporte individual.
Con todo, a conselleira considerou “sorprendente” o anuncio feito onte polo Estado de que na
fase 0 do plan de desescalada (é dicir, na que nos atopamos actualmente) só se permitirá a pesca en
entrenamentos individuais de profesionais federados, un colectivo cunha presenza testimonial en
Galicia; mentres que o exercicio da caza e da pesca, dúas prácticas moi enraizadas na comunidade e
con miles de afeccionados, quedará postergado ata o 26 de maio, no mellor dos supostos.
Outro dos fitos máis importantes no proceso de reactivación impulsado pola Xunta, foi acordar
a continuidade das obras de rehabilitación en edificios ocupados, establecendo medidas de
prevención e protección da saúde, pois a falta de concreción do Goberno deixaba nun limbo a uns
20.000 autónomos en Galicia. Así, ante as dúbidas que trasladaron desde os distintos sectores, se
fixaron unha serie de criterios e supostos que si se poden acometer, como son as actuacións que
teñen como fin reparacións urxentes ou avarías e rematar obras xa iniciadas e que revisten
importancia para o inmoble e os seus habitantes.
Por último, lamentou as falsas expectativas lanzadas polo Goberno sobre as axudas ao
alugueiro, un anuncio que non levan parello un orzamento acorde, axustado e suficiente para poder
chegar aos colectivos que o Estado fixa como potenciais beneficiarios; e que agora recoñece que é
insuficiente, con 100 millóns de euros para as axudas ao alugueiro. A Xunta denunciou esta falta de
orzamento desde o minuto un e así llo trasladou de xeito reiterado; obrigando ás comunidades
autónomas a reestruturar os fondos asignados e consignados do Plan de Vivenda, sen consultalas nin
informalas previamente.