• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se estipula que os perceptores
do Bono de Alugueiro Social non terán que aboar nada pola renda da súa vivenda durante o que queda
de 2020
• Esta medida de carácter extraordinario aplicouse por primeira vez en abril e mantívose
tamén no mes de maio, pero tendo en conta os efectos negativos que previsiblemente terá a crise do
coronavirus sobre este colectivo, mesmo despois de que se levante o estado de alarma, decidiuse
prolongala ata decembro
• O Goberno galego estima que o custo de completar as axudas do bono durante os próximos
sete meses ascenderá a uns 810.000 euros e aspira a que se beneficien preto de 1.000 familias
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia prolongará ata
finais de 2020 a súa axuda extraordinaria aos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social de tal
xeito que non teñan que aboar nada pola renda da súa vivenda durante o que resta de ano. Esta
medida, en virtude da cal o Goberno autonómico asume o 100% do custo do alugueiro, fíxose efectiva
por primeira vez no mes de abril e volveu repetirse en maio. O Diario Oficial de Galicia publica
hoxe a Resolución pola que se resolve a concesión directa da axuda complementaria á dos programas
do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para
as vítimas de violencia de xénero.
Deste xeito, prolóngase esta axuda extraordinaria ata decembro de 2020 coa intención de
beneficiar a unhas mil familias vulnerables que xa están percibindo o devandito Bono ou ás que se
lles concederá nos vindeiros meses.
Trátase dunha medida do Goberno galego en previsión dos efectos negativos derivados da crise
do COVID-19, polo que se considerou necesario estender a medida a todo o exercicio 2020, tendo en
conta sobre todo a situación de especial vulnerabilidade das unidades de convivencia beneficiarias
deste programa e a previsible evolución da situación creada pola pandemia, con consecuencias
negativas para as súas economías domésticas que poderán manterse durante un espazo de tempo
superior ao propio estado de alarma.
Grazas a esta axuda complementaria, que se sumará ao importe habitual do Bono Alugueiro, o
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) achegará a totalidade da renda que lles correspondería
pagar pola súa vivenda habitual durante todo o que queda do exercicio 2020.
Esta medida será aplicable a todas as unidades familiares que estean recibindo actualmente o
Bono de Alugueiro Social e tamén a aquelas ás que se lles conceda esta axuda no que resta de ano. A
axuda extraordinaria, de igual xeito, beneficiará tanto aos perceptores do Bono de Alugueiro Social
ordinario como aos que teñen concedido o bono específico para vítimas de violencia de xénero.
A dotación económica extraordinaria para complementar o Bono e chegar ata o cen por cen do
importe dos alugueiros é de 810.000 euros, que se sumarán ao importe ordinario das axudas e aos
máis de 170.000 euros adicionais xa mobilizados e correspondentes aos meses de abril e maio.
Cómpre lembrar que a convocatoria deste ano das axudas do Bono de Alugueiro Social foi
publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 3 de febreiro e a do Bono de Alugueiro Social para
vítimas de violencia de xénero publicouse o 8 de abril. O prazo de presentación de solicitudes está
aberto en ambos casos ata o 11 de decembro de 2020 e a dotación orzamentaria total ascende a 3,05
millóns de euros, sen contar o importe das axudas extraordinarias.
Perfil dos beneficiarios do Bono
As axudas do Bono están dirixidas ás seguintes unidades de convivencia:
- Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar
inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora
interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
- As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do
arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de
acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha
Administración pública.
- Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen
privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por
danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios,
inundacións, etc.
- Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga desfrutasen na súa totalidade da
subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos
seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono
Alugueiro Social.
- Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de
titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo lles finalizase a vixencia do seu contrato a
partir da entrada en vigor desta orde.
- Aquelas ás cales, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite
mínimo de ingresos establecidos no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e
coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado
programa.
- Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de
Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de
colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato
de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de
subvención do Programa do bono alugamento social.
- Mozos menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de
idade e saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de
alugamento.
- Aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de
procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación
en pagamento a entidades financeiras.
Pola súa parte, o Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero está dirixido
a:
- Mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia
económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual,
de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por
interpósita persoa, con resultado de morte.
- As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de
xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de
dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.