Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONVOCA AXUDAS AO ALUGUEIRO DE VIVENDA POR CASE 8 MILLÓNS DE EUROS QUE PODERÁN SOLICITARSE DESDE O VINDEIRO LUNS 25 DE MAIO

• Están destinadas ao pago do alugueiro da vivenda habitual de persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia do Covid-19
• A axuda poderá acadar os 500 euros ao mes, sen superar o custe do alugueiro
• Concederase por un prazo máximo de seis meses e poderá ter efectos retroactivos dende o pasado mes de abril

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020.-
A Xunta de Galicia destinará 7.901.884 euros a axudas ao alugueiro destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da pandemia de Covid-19. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se convocan estas axudas, que se poderán solicitar dende o próximo luns 25 de maio e ata o 30 de setembro de 2020.

Os beneficiarios destas axudas recibirán ata 500 euros ao mes durante o período que se acredite estar en situación de vulnerabilidade, co límite máximo de seis meses, que non poderá ir máis aló de decembro de 2020. O importe da axuda non poderá superar o custe da renda mensual establecida no contrato de alugueiro e poderá concederse con efectos retroactivos dende o pasado mes de abril.

No caso de que o beneficiario da axuda obtivese un préstamo ICO para o pago do alugueiro, ao amparo das ás axudas transitorias de financiamento, a axuda destinarase á amortización de dito préstamo. No resto dos casos será pagada directamente polo IGVS ao propietario da vivenda.

Beneficiarios
Poderán beneficiarse destas axudas ao alugueiro as persoas titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual que se atopen en situación de vulnerabilidade a consecuencia de estar en situación de desemprego, ERTE ou redución de xornada como consecuencia do Covid-19. Estas circunstancias deberán ter causado unha redución substancial de ingresos ao mesmo tempo que o custe do alugueiro e os subministros básicos da vivenda supoñan unha parte importante de ditos ingresos.

Considéranse en situación de vulnerabilidade, sempre que a causa sexa o Covid-19 a:

• Traballadores en situación de desemprego
• Traballadores sometidos a Expediente de Regulación de Emprego. (ERTE)
• Empresarios ou profesionais sometidos a redución de xornada por motivo de coidados ou circunstancias similares que supoñan una perda substancial de ingresos.

Como consecuencia deberá ter rexistrado unha redución substancial dos seus ingresos, de maneira que os ingresos conxuntos de todos os membros da unidade familiar non superen, con carácter xeral, 3 veces o Iprem, é dicir, 1.613,52 euros ao mes.

No caso de que algún membro da unidade familiar teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, estea en situación de dependencia ou padeza unha enfermidade que incapacite para o traballo o límite máximo de ingresos será de 4 veces o Iprem (2.151,36 euros).

Finalmente, si o arrendatario da vivenda ten discapacidade intelectual igual ou superior ao 33 por cento ou física superior ao 65 por cento, ou padece determinadas enfermidades o límite máximo de renda será de 5 veces o Iprem (2.689,20 euros ao mes).

O límite máximo de ingresos incrementarase en 0,1 veces o Iprem por cada fillo ou persoa maior de 65 anos integrante da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarse 0,15 veces o Iprem por cada fillo.

Polo que respecta ao custe do alugueiro da vivenda e os subministros básicos para a mesma (auga corrente, electricidade, gas, gasóleo para calefacción, servizos de telecomunicación fixa e móbil e posibles contribucións á comunidade de propietarios) deberán ser iguais ou superiores ao 35 por cento dos ingresos netos mensuais que perciba o conxunto de membros da unidade familiar.

Ademais, é requisito para a concesión da axuda que ningún membro da unidade familiar sexa propietaria ou usufrutuaria de algunha vivenda en España, excepto si acreditan a non dispoñibilidade da mesma por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou de algunha das persoas que conforman a unidade de convivencia.

Tampouco está permitido que algún membro da unidade familiar teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda ou sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora da vivenda.

Solicitude
As solicitudes presentaranse preferentemente por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), onde está dispoñible o formulario de solicitude. É imprescindible que na solicitude se consten os seguintes datos:

• Data dende a que se está na situación de vulnerabilidade
• Ingresos netos e importe da renda
• Gastos de subministracións do mes anterior á solicitude
• Composición e ingresos da unidade familiar.

Xunto coa solicitude tamén deberán presentarse, obrigatoriamente, a seguinte documentación:

• Contrato de alugamento da vivenda.
• Extractos ou certificados bancarios, acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda.
• Documentación acreditativa do número de conta bancaria da persoa arrendador, no caso de non constar nos dous documentos anteriores
• De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento (préstamo ICO).
• Declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar
• Documentación acreditativa dos ingresos do solicitante e a unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude.
• Documentación acreditativa dos gastos e subministracións básicos da vivenda habitual relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comeza o luns, día 25 de maio e rematará o día 30 de setembro de 2020.