Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

GALICIA TRASLADARÁ ESTE XOVES AO ESTADO A PREOCUPACIÓN DAS COMUNIDADES POLO PROBLEMA DA OCUPACIÓN DE VIVENDAS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defenderá a necesidade de dar maior seguridade xurídica ao mercado do alugueiro durante a conferencia sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, que non se reunía desde 2018
• Un dos asuntos incluídos na orde do día será a análise das medidas adoptadas nos últimos meses en materia de vivenda como consecuencia da covid-19

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia aproveitará a conferencia sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo convocada este xoves polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para trasladarlle ao Estado a crecente inquedanza que a ocupación de vivendas está a suscitar entre as comunidades autónomas e o sector inmobiliario en particular.

Deste xeito, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidirá en que, se ben as medidas temporais aprobadas polo Goberno para aliviar a carga financeira que supón a vivenda habitual para a poboación máis vulnerable contribúen a mitigar estes efectos no curto prazo, existe unha maior incerteza sobre as consecuencias que poderán ter estas medidas a medio prazo sobre o mercado inmobiliario.

Neste sentido, a responsable autonómica considera necesario outorgar e garantir maior seguridade xurídica nos alugueiros co fin de evitar casos de ocupación coa súa consecuente alarma social, así como unha progresiva desincentivación da saída ao mercado de vivenda en alugueiro debido á incerteza que pode xerar esta situación entre algúns pequenos propietarios ou promotores, unha preocupación que xa lle teñen trasladado á Xunta representantes dos intermediarios inmobiliarios que operan en Galicia, administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria.

Cómpre lembrar que a conferencia sectorial de Vivenda celebrarase unha semana despois da videoconferencia que mantivo Ángeles Vázquez co secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio, David Lucas Parrón, para abordar as últimas decisións adoptadas por Xunta e Goberno en materia residencial a raíz da covid-19 e poñerse á súa disposición para colaborar na implantación de novas medidas.

Precisamente, a conselleira volverá incidir este xoves ante o ministro e o resto de representantes das autonomías na necesidade de consensuar previamente coas comunidades aqueles programas relacionados coa vivenda e cuxa xestión recaerá sobre elas. De feito, un dos puntos da orde do día da Sectorial –que se celebrou por última vez en marzo de 2018 a pesar da petición expresa da Xunta ao Estado nos últimos meses de que a convocara- será analizar as medidas adoptadas neste eido con relación á covid-19.

A intención da Xunta é promover mecanismos de consenso previo entre o Estado e as autonomías nun asunto tan sensible como son as políticas de vivenda. O obxectivo é evitar que se repitan situacións como a ocorrida co Real decreto-lei do 31 de marzo e a Orde do 9 de abril aprobados polo Goberno fronte ao coronavirus e en cuxa tramitación non se tivo en conta a opinión das comunidades, a pesar de que sobre elas recaeu a xestión de parte das medidas adoptadas e de que tamén se fixeron modificacións relevantes do Plan de Vivenda 2018-2021, xestionado e cofinanciado pola Xunta.

Máis financiamento para as novas axudas ao alugueiro
O Goberno galego convocou o 22 de maio as novas axudas para minimizar o impacto económico e social da actual crise sanitaria nos alugueiros de vivenda habitual, cunha dotación inicial de case oito millóns de euros. Esta contía, en todo caso, resulta claramente insuficiente para atender a todos os posibles beneficiarios que cumprirían as condicións e requisitos de vulnerabilidade establecidos polo Goberno.

Por iso, a conselleira aproveitará a reunión do xoves para insistir na necesidade de lograr máis financiamento e incrementar así a dotación inicial destas axudas, ás que segundo as estimacións da Xunta poderían ter dereito entre 50.000 e 75.000 galegos.

Concretamente, a día de hoxe o Goberno aínda non deu autorización para que as comunidades que así o desexen poidan utilizar os remanentes de crédito de convocatorias de anos anteriores do Plan de Vivenda a conceder e pagar axudas ao alugueiro para persoas afectadas polo impacto da covid-19. Segundo os cálculos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, estes remanentes ascenden a 4,9 millóns de euros no caso de Galicia, polo que a autorización expresa desta operación resulta clave para poder complementar canto antes a convocatoria xa realizada e incrementar o orzamento dispoñible.

Por último e ante a necesidade de definir a curto prazo o próximo programa plurianual de vivenda, Vázquez Mejuto tamén reclamará que se aproveite o novo deseño para “flexibilizar a súa xestión” e facelo así moito menos complexo que o vixente. Neste sentido, Galicia vén reclamando desde hai tempo que o Plan Estatal de Vivenda se dedique a marcar e deseñar liñas xerais para que logo sexan as propias comunidades as que as desenvolvan, atendendo ás súas propias circunstancias.

En concreto, a proposta da conselleira é que se permita aos respectivos gobernos autonómicos determinar as condicións e as características das actuacións e programas en materia de vivenda e rehabilitación que queren potenciar, aínda que se manteñan a supervisión e seguimento por parte das comisións bilaterais.