• A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor compostelán Xosé Sánchez Bugallo asinaron esta mañá
un protocolo de colaboración que dá cumprimento ao acordo acadado en 2019 para desbloquear a
situación destes terreos, propiedade do IGVS
• A actuación conxunta de ambas administracións permitirá preparar a parcela para o Xacobeo
e reducir o impacto visual dunha zona cunha localización privilexiada, a poucos metros da Praza do
Obradoiro e punto de entrada para moitos visitantes
• O Instituto Galego da Vivenda e Solo levará a cabo o acondicionamento inicial dos terreos
e o Goberno local encargarase do mantemento da nova área axardinada
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020-. A Xunta de Galicia e o Concello de
Santiago colaborarán para levar a cabo o acondicionamento como zona verde dunha parcela de máis de
1.700 metros cadrados localizada en Xoán XXIII. O acordo plasmouse esta mañá coa sinatura dun
protocolo conxunto entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e
o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, en virtude do cal o departamento autonómico
comprométese a levar a cabo o acondicionamento inicial dos terreos e o Concello, a asumir as
tarefas de mantemento da nova zona axardinada.
Esta actuación permitirá desbloquear a situación urbanística desta parcela, propiedade do
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e cunha localización privilexiada, xusto na porta de
entrada ao casco histórico, a poucos metros da Praza do Obradoiro e ao carón da dársena de Xoán
XXIII que moitos visitantes utilizan para chegar a Santiago.
Así o acordaran a conselleira e o rexedor na súa última xuntanza a finais do ano pasado,
durante a que coincidiron na necesidade de acometer unha actuación inmediata nesta parcela mentres
non se decida o seu futuro e se poida empezar a edificar.
O axardinamento da zona, de feito, será só unha primeira fase que permitirá así mesmo reducir
o “impacto visual” nesta zona de cara ao Xacobeo 2021. O seguinte paso, como explicou Vázquez
Mejuto, consistirá en determinar o futuro da parcela, aínda que partindo da premisa de que se
destinará a ampliar o parque público residencial da cidade.
“Para acadar a solución definitiva é necesaria unha valoración técnica e económica, pero en
todo caso o destino desta parcela será vivenda protexida”, subliñou a conselleira, quen se amosou
confiada en que a liña de colaboración aberta entre Xunta e Concello nos últimos meses se manteña
no futuro, “buscando sempre o mellor para Santiago e os seus veciños”.
Apoio ao proxecto Sionlla Biotech
Por último, a responsable autonómica de Medio Ambiente salientou o traballo realizado por
ambas administracións co fin de impulsar políticas de vivenda na cidade que presten unha especial
atención a aqueles colectivos con maiores dificultades.
Así, referiuse á recente licitación do contrato para construír 24 novas vivendas de promoción
pública (VPP) no barrio do Castiñeiriño, ao tempo que agradeceu a actitude colaboradora do alcalde
noutro tipo de iniciativas impulsadas pola Xunta, como o proxecto Sionlla Biotech, que busca atraer
e fomentar a implantación no parque da Sionlla de novas empresas do sector tecnolóxico e da
innovación dixital.