• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o decano do Colexio de Rexistradores
da Propiedade asinaron un convenio de colaboración para optimizar a xestión e tramitación
administrativa das axudas ao alugueiro
• Ángeles Vázquez salienta que se acurtarán os prazos, porque se poderá acceder dixitalmente
a unha nota de localización na que se acredita que o solicitante non é o propietario do inmoble
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda quere esgotar o 100% do orzamento das axudas ao alugueiro para persoas
afectadas pola crise económica da covid-19. Deste xeito, apoiarase no Colexio de Rexistradores da
Propiedade para achegar á sociedade galega un orzamento de case 8 millóns de euros, dispoñibles
para axudar ás familias galegas.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o decano do Colexio
de Rexistradores da Propiedade, Hermes Rego, asinaron un convenio de colaboración para optimizar a
xestión e tramitación administrativa das axudas ao alugueiro postas en marcha para paliar os
efectos do coronavirus.
Tal e como explicou a conselleira, para acceder a estas axudas, os solicitantes non teñen que
ser propietarios ou usufrutuarios da vivenda; polo que o Colexio de Rexistradores -a través do
Servizo de Índices- emitirá unha nota de localización, que é a acreditación do cumprimento deste
requisito.
Así, esta entidade servirá de canle de acceso á información rexistral, axilizando o
procedemento de obtención da mesma por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS),
accedendo a información telemática e, en consecuencia, aforrando tempo e o pago das taxas
correspondentes para a obtención dunha nota simple.
Ángeles Vázquez recordou que o prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o 30 de
setembro, polo que todas as persoas que visen os seus ingresos reducidos como consecuencia da
covid-19 poden solicitalas. As axudas concédense por un prazo máximo de seis meses e un importe
máximo de 500 euros ao mes, polo que poden chegar a 3.000 euros e teñen carácter retroactivo, polo
que poden aplicarse dende o mes de abril de 2020.