• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lembra que as dúas vivendas do
casco histórico entregadas hoxe se suman ás 82 que están ocupadas nesta zona e ás tres que están en
reparación
• Anuncia que a vindeira semana terá lugar o sorteo para posibles adxudicatarios de nove
vivendas correspondentes a outros catro edificios rehabilitados no barrio
Lugo, 6 de novembro de 2020.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de
Vivenda e Solo (IGVS), entregou está mañá cinco vivendas nos barrios da Tinería e da Ponte. A
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado
territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou neste acto que “coa transferencia de hoxe, a
Xunta pasará a ter 84 vivendas ocupadas das 87 que dispón no barrio da Tinería, xa que hai tres que
están en proceso de reparación”. As vivendas transferidas hoxe, en réxime de alugamento, teñen un
ou dous dormitorios, e están situadas en rúa Río Miño, 32, e en Tinería, 38, respectivamente.
A modo de balance sobre a actuación da Xunta neste casco histórico de Lugo, recordou que se
levaron a cabo a reforma dun total de 36 edificios a través de diversos plans e actuacións, con 87
vivendas recuperadas e 23 locais comerciais postos a disposición de novos emprendedores.
A aposta da Xunta de Galicia pola rehabilitación deste barrio seguirá adiante a vindeira
semana co sorteo doutras nove vivendas, correspondentes a outros catro edificios xa rehabilitados
pero que aínda están en proceso de recepción e polo tanto pendentes de entregar. Trátase de catro
casas nas rúas Recanto do Miño e Tinería, que supoñen outras nove vivendas con superficies de entre
40 e 110 metros cadrados, que atópanse en proceso de recepción, pendentes de varios trámites como a
concesión da licencia de primeira utilización, por parte do Concello de Lugo.
Así, a transformación que está a experimentar este barrio será aínda máis notable nos
próximos anos coa culminación de dous importantes proxectos como son a rehabilitación da Casa da
Torre e do Pazo de Doña Urraca, nos que traballa a Xunta de Galicia.
Desde a Xunta sinalan que o proxecto de rehabilitación da Casa da Torre xa está en proceso de
adxudicación, polo que se pide axilidade ao Concello de Lugo para que conceda canto antes a licenza
de obra que está solicitada desde o mes de abril e poder iniciar así os traballos unha vez se
resolva a adxudicación. Este edificio anexo á muralla destinarase a sé da Asociación Provincial de
Hostaleiros de Lugo, a oficina de turismo e servirá ademais de acceso ao adarve da muralla, grazas
á instalación dun ascensor interior.
Por outra banda, o Pazo de Doña Urraca, xa conta cun anteproxecto elaborado polos servizos do
IGVS en colaboración coa Consellería de Cultura, para albergar a sé en Lugo do Centro Galego de
Arte Contemporáneo.
Vázquez fixo fincapé en que “a revitalización da Tinería non para. Isto demostra que é unha
das constantes da Xunta de Galicia, a administración que, de feito, más investiu neste barrio”.
Vivendas da Ponte
A conselleira de Medio Ambiente, territorio e Vivenda tamén fixo entrega das chaves aos
adxudicatarios doutras tres vivendas na rúa Fermín Rivera, un barrio no que a Xunta dispón de 41
vivendas. Destes pisos, a maioría de dous ou tres dormitorios e con garaxe, 35 están actualmente
ocupados, tres entregáronse hoxe, e outros tantos atópanse en proceso de adxudicación.
A entrega de vivendas de promoción pública é un proceso continuo que a Xunta de Galicia ten
en marcha, segundo se vaian producindo as vacantes. Por iso, as persoas interesadas en optar a
algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da
Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do IGVS. As
solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.