- O Goberno galego acorda manter esta medida extraordinaria, posta en marcha en maio deste
ano en resposta á situación de vulnerabilidade causada pola Covid
- Estímase que ao longo do vindeiro exercicio se concederán axudas complementarias ao bono
alugueiro por importe de 1,4 millóns e grazas a elas preto de 800 familias con escasos recursos
poderán conservar a súa vivenda habitual
- A nova convocatoria do Bono de Alugueiro Social sairá publicada nas próximas semanas cun
orzamento de 1,5 millóns que serepartirá nas próximas cinco anualidades
- Desde a posta en marcha deste programa autonómico en 2015, máis de 1.100 unidades
familiares recibiron apoio económico da Xunta para pagar o seu alugueiro
O Goberno galego seguirá asumindo durante todo o ano que vén o 100% do custo do
arrendamento daquelas familias que pola súa situación de especial vulnerabilidade ou por falta de
recursos económicos estean percibindo o chamado Bono de Alugueiro Social. Así o acordou esta mañá o
Consello da Xunta, que autorizou a concesión directa dunha axuda complementaria ao bono entre os
meses de xaneiro e decembro de 2021, co fin de garantir que as unidades de convivencia máis
vulnerables de Galicia poidan manter a súa vivenda habitual e non teñan que asumir parte do
pagamento do seu alugueiro.
Deste xeito e ante a previsible evolución da situación o próximo ano, a Xunta tomou a
decisión de manter unha das medidas extraordinarias de carácter social que adoptou no seu día para
responder á situación provocada pola crise da Covid-19, especialmente, entre os colectivos sociais
máis vulnerables.
Así, cómpre lembrar que o pasado mes de maio a Consellería de Medio Ambiente,Territorio e
Vivenda puxo en marcha unha nova axuda complementaria á do chamado Bono de Alugueiro Social, un
programa autonómico que naceu no ano 2015 co obxectivo de subvencionar unha parte do arrendamento a
unidades de convivencia con recursos limitados e que, por tanto, necesitan axuda para poder pagar e
conservar as súas vivendas.
Grazas a esta subvención de carácter complementario, durante o período comprendido entre xuño
e decembro de 2020 un total de 512 familias non tiveron que aboar nada en concepto de alugueiro, xa
que a Xunta asumiu o 100% do importe das súas rendas. Así, as axudas extraordinarias concedidas
neste período ascenderon a un total de 550.984.99 euros, contía que se sumou aos importes que xa se
aboaban a través do Bono Alugueiro
O ano que vén, ademais de manter a medida nas mesmas condicións, a previsión é que a cifra de
beneficiarios sexa maior. Así, estímase que tendo en conta o número actual de perceptores do Bono
de Alugueiro Social e as novas altas que se calcula que se poderán tramitar ao longo de todo o
2021, preto de 800 familias en situación de vulnerabilidade cumprirán os requisitos para recibir
esta axuda complementaria entre os meses de xaneiro e decembro, unha medida cun custo total
estimado de 1,4 millóns de euros. En canto ao procedemento de concesión das subvencións, iniciarase
de oficio e a tramitación correrá a cargo da Área Provincial do IGVS onde estea localizada a
vivenda.
Así mesmo, o Consello tamén autorizou oscompromisos de gasto plurianuais derivados da
convocatoria do Bono de Alugueiro Social en 2021. Esta nova orde de axudas, que lle dá continuidade
ás que se veñen realizando desde 2015, convocarase nas próximas semanas e estará dotada con 1,5
millóns para o período 2021-2025, a razón de 300.000 euros por ano.
Con estes fondos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subvencionará o
pagamento do alugueiro de familias con recursos económicos limitados durante un período máximo de
12 meses, aínda que se poderá prorrogar por dos anos máis, logo de petición.
Concretamente, os bonos terán unha contía de 225, 200 ou 175 euros ao mes, segundo a
localidade na que estea localizada a vivenda. Así, nas sete cidades a renda mensual máxima non
poderá superar os 450 euros de alugueiro, en concellos de tamaño medio o importe límite será de 400
euros mensuais, e no resto de municipios, de 350 euros.
A maiores, o Bono de Alugueiro Social tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600
euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de
permanecer na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.
Desde a creación no ano 2015 deste programa de carácter autonómico, a Xunta concedeu 1.114
bonos de alugueiro por un importe global de 3.416.150 euros, un balance ao que cómpre engadir as
1.088 prórrogas extraordinarias autorizadas no mesmo período e que supuxeron un desembolso
adicional de 2.524.965 euros. O total mobilizado nos últimos cinco anos a través do Bono de
Alugueiro Social, por tanto, ascende a 5.941.080 euros.
Bono vítimas violencia de xénero
Cómpre ter en conta que no marco do programa do Bono de Alugueiro Social ordinario, a Xunta
convoca tamén desde o ano 2019 unha liña de axudas á vivenda dirixida especificamente ás vítimas de
violencia de xénero e os seus fillos menores de 30 anos cando se atopen nunha situación de
dependencia económica no momento do falecemento da vítima, así como a mulleres que sufran casos de
trata con fins de explotación sexual.
Este colectivo tamén se beneficiará o próximo ano da axuda complementaria coa que a Xunta
asumirá o 100% do custo dos seus alugueiros, pero,ao tratarse dun programa específico e financiado
con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, deberá tramitarse logo de acordo coa
Secretaría Xeral de Igualdade (acordo que prevé asinarse en febreiro) e tras solicitar tamén a
correspondente autorización ao Consello da Xunta.
Neste sentido, cómpre subliñar que o ano pasado se concederon un total de 163 axudas
complementarias do bono alugueiro para vítimas de violencia de xénero.
Deste xeito, case 700 familias vulnerables (512 beneficiarias do bono ordinario e 163 da liña
específica para vítimas) quedaron exentas de pagar o alugueiro grazas ao esforzo realizado polo
Goberno autonómico para asumir con estas axudas o 100% das rendas das súas vivendas.