O Carballiño (Ourense), 20 de abril de 2021.- O director xeral do Instituto
Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, visitou esta mañá, xunto con varios
representantes da empresa pública Xestur, os terreos nos que se pretende ampliar o parque
empresarial do Carballiño.
Durante a visita, na que tamén estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco José
Fumega, e o de Maside, José Manuel Iglesias, o director do IGVS e mais os técnicos de Xestur
analizaron sobre o terreo a idoneidade do ámbito proposto para a ampliación do actual parque, xa
que compete ao IGVS tramitar a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais
de Galicia (Psoaeg) para incluír este cambio.
Unha vez incluído o novo ámbito no Plan sectorial, será tamén o Instituto Galego da Vivenda e
Solo o encargado da tramitación do proxecto sectorial do parque.
Actualmente, o organismo autonómico dispón de tres parcelas no parque empresarial do
Carballiño, cunha superficie total de 9.117 metros cadrados e unha bonificación do 50% no prezo de
venda das mesmas.