Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PLANIFICA UNHA AMPLIACIÓN DE PRETO DE 145.000 M2 NO PARQUE EMPRESARIAL DE MUIMENTA, NO CONCELLO DE COSPEITO

• Ángeles Vázquez anuncia que as obras da primeira das tres fases da ampliación xa foron licitadas por un importe de 1,3 millóns de euros
• Recorda que o Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, coa que case se cuadruplicará a superficie actual do polígono


Cospeito (Lugo), 4 de maio de 2021
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta planifica unha ampliación do parque empresarial de Muimenta, no concello de Cospeito, de preto de 145.000 m2 distribuídos nun total de 54 novas parcelas.

Así, explicou que o Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha área empresarial para Muimenta e a súa comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m2. Deste xeito, o concello de Cospeito recibirá un pulo decisivo de cara ao futuro, tanto a nivel empresarial como laboral, tendo en conta que a ampliación prevista suporá practicamente cuadruplicar a superficie actual deste polígono.

O parque de Muimenta, que leva en funcionamento desde o ano 1999, conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que a falta de superficie dispoñible xustifica a ampliación do mesmo, segundo explicou a conselleira.

Así, durante a visita detallou que a ampliación se executará en tres fases, para sumar en total case 145.000 m2. Na actualidade, recordou que xa se están a impulsar as obras relativas á primeira fase, licitadas no mes de febreiro por 1,3 millóns de euros e que suporán a construción de 15 novas parcelas de entre 700 e 1.525 m2.

O contrato, que se prevé adxudicar en xuño, inclúe o proxecto de urbanización, a electrificación, o alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar os tráficos procedentes da estrada LU-120. Tamén se definirán zonas verdes, estruturas viarias e mobiliario urbano para integrar e humanizar esta zona.

Pola súa parte, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, subliñou a importancia da obra para Muimenta, para o concello e “para toda a comarca da Terra Chá”. “Esta ampliación esperamos que se encha pronto de empresas, de feito hai xa tres ou catro solicitudes, e o que vai traer é riqueza económica e creación de emprego”, asegurou, destacando á vez a importante actuación paisaxística prevista para dotar ao polígono “dunha gran zona verde”.

6 millóns para desenvolver solo empresarial en Lugo
Ángeles Vázquez sinalou que non só en Cospeito se habilita novo solo empresarial, pois na provincia de Lugo existen varias bolsas de solo para ampliar ou instalar novas empresas nas que se prevé investir uns 6 millóns de euros, incluíndo a ampliación de Muimenta.
En particular, cómpre destacar tamén os 2,6 millóns reservados para a segunda fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, cos que se urbanizarán case 90.000 m2 máis de solo industrial. As obras comezaron a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses.

Neste sentido, a conselleira destacou que As Gándaras é a segunda superficie empresarial de Galicia na que máis solo bonificado se adxudicou desde o ano 2015 e que as empresas interesadas nalgunha das parcelas que se están a construír neste segunda fase tamén se beneficiarán da bonificación dun 50% sobre o prezo de venda.

Ademais, indicou que a semana pasada se aprobou definitivamente a modificación do proxecto sectorial deste polígono, o que permitirá levar a cabo tamén unha terceira fase. Con esta actuación, cuxa licitación está prevista para o mes de xuño, este ámbito sumará outros 67.000 m2 para definir case 40 novas parcelas, cunha superficie media de 1.000 m2 cada unha.

Orzamento para o solo empresarial
Finalmente, Ángeles Vázquez recordou que a aposta da Xunta polo desenvolvemento do solo empresarial na Comunidade concrétase no orzamento que se habilitou para este exercicio: máis de 37 millóns de euros, dos cales 8 destinaranse a bonificar a adquisición de solo industrial, axudando a todos aqueles empresarios que ven en Galicia unha oportunidade de crecemento e desenvolvemento.

Neste sentido, explicou que a medida, posta en marcha por primeira vez en 2015 e que permitiu a adxudicación a 350 empresas de máis de 2,3 millóns de m2 de solo industrial en toda Galicia, “ cobra especial relevancia no momento actual”, pois brinda un apoio especial ao tecido empresarial nun contexto no que a máxima prioridade debe ser traballar pola reactivación económica da Comunidade. “Grazas aos empresarios galegos e aos que empresarios estades aquí asentados por soster Galicia e dinamizar a economía”, declarou.