Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

GALICIA RECLAMA AO GOBERNO QUE AXILICE OS FONDOS EUROPEOS DESTINADOS A VIVENDA E SIMPLIFIQUE A SÚA TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA

• Á falta de concreción por parte do Estado, a Xunta calcula que á Comunidade lle corresponderían algo máis de 230 millóns de euros
• “Pedímoslle ao Goberno simplificación para poder chegar a cada recuncho, a cada comunidade de veciños, pero tamén a esas vivendas unifamiliares que temos tanto nas cidades como tamén nas vilas e en pequenas aldeas”, incide a conselleira

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.-
Galicia reclamou esta tarde ao Goberno central a máxima axilidade no reparto dos fondos europeos do Plan de recuperación e resiliencia reservados a vivenda e actuacións urbanas, así como unha simplificación dos trámites administrativos necesarios para poder xestionar e acceder a estes programas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta tarde de forma telemática na Conferencia sectorial de vivenda na que, por primeira vez, o Estado abordou cos representantes das comunidades os criterios nos que baseará o seu reparto, utilizando como base principal o número de fogares habitados.

Neste sentido e ante a falta de concreción por parte do Goberno, a conselleira indicou que Galicia calcula que lle correspondería un 5,8% dos fondos e, polo tanto, algo máis de 230 millóns de euros, sen contar cos incentivos fiscais aos que poderán acceder os beneficiarios das axudas.

Ángeles Vázquez defendeu que estes recursos europeos son unha oportunidade para mellorar o parque residencial, rehabilitalo e rexenerar as contornas urbanas, polo que unha vez máis insistiu na necesidade de que os trámites sexan áxiles e simples, para cumprir co obxectivo de que as axudas cheguen canto antes aos seus destinatarios.

“Pedímoslle ao Goberno simplificación para poder chegar a cada recuncho, a cada comunidade de veciños, pero tamén a esas vivendas unifamiliares que temos tanto nas cidades como tamén nas vilas e en pequenas aldeas”, incidiu a conselleira, quen lembrou que o Estado debe ter en conta tamén as peculiaridades de cada rexión, como o feito de que Galicia conte con poboacións dispersas e tan só sete cidades, polo que non existen grandes barrios e hai un claro predominio da vivenda unifamiliar.

Na mesma liña, tamén reclamou axilidade ao Goberno central e, tras lembrar que “este é xa case un ano perdido”, recordou que en 2024 deberán estar aprobados os compromisos de gasto dos fondos asignados, polo que solicitou rapidez na implantación dos mesmos.

Por último, asegurou que Galicia está “totalmente preparada” para afrontar a mobilización destes recursos, pois conta cunha ampla e demostrada experiencia en materia de rehabilitación de vivendas e de rexeneración urbana, que será aplicable aos novos programas. Así, a Comunidade aproveitará esta oportunidade e fará un esforzo para que a execución se realice en tempo e forma, e non se perda nin un só día máis do prazo dispoñible.