• O futuro polígono terá unha superficie total de ao redor de 304.000 metros cadrados, dos
que máis de 182.000 se corresponderán coas aproximadamente 21 parcelas destinadas a uso industrial
e comercial nos que quedarán divididos
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia publicou hoxe a
licitación da redacción do Proxecto de interese autonómico (PIA) e do proxecto de urbanización do
futuro parque empresarial de Pontecesures, en Pontevedra, por un importe de case 100.000 euros. Así
llo comunicou esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto
García, ao alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, con quen mantivo unha reunión para falar das
previsións do organismo autonómico respecto do desenvolvemento do polígono industrial da
localidade.
Neste sentido, o responsable do IGVS explicoulle que a área empresarial ocupará unha
superficie de ao redor de 304.000 metros cadrados, dos que máis de 182.000 se destinarán a parcelas
de uso industrial e comercial. Esta superficie dividirase nunhas 21 parcelas, aínda que os datos
exactos serán determinados polo propio PIA e mais o proxecto de urbanización. O futuro parque
estará emprazado entre as estradas N-550 e a PO-548.
En canto ao deseño, terase en conta a realidade actual da zona que rodea o ámbito, de maneira
que nas áreas próximas a vivendas ou equipamentos se concentrarán os espazos verdes, a superficie
libre e as parcelas destinadas a uso comercial que poden permitir a instalación de, por exemplo,
supermercados ou tendas de distinto tipo, establecendo deste xeito bandas de transición entre as
zonas actualmente dedicadas a uso residencial ou equipamento e a zona empresarial do futuro
polígono.
Por outra parte, á hora de planificar esta nova área empresarial teranse en conta tamén as
zonas inundables e de protección de canles fluviais.
A empresa pública Xestur –cuxo Consello de Administración autorizou esta licitación a semana
pasada‑ destinará un total de 99.730 euros á redacción de ambos proxectos, cun prazo de execución
de 13 meses incluíndo a tramitación dos mesmos, a resposta ás alegacións e a súa adaptación