Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de iniciar o
procedemento para a adxudicación de seis novas vivendas de promoción pública (VPP) de tipo
unifamiliar no concello de Cenlle, na provincia de Ourense. Trátase das primeiras vivendas
protexidas que se constrúen en Galicia por sistemas modulares, no marco dun programa piloto co que
se pretende determinar a idoneidade desta forma de construción para pequenas promocións.
As seis VPP construídas en Cenlle, nas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu máis
de 1 millóns de euros, adxudicaranse mediante sorteo público entre todas as persoas que estean
inscritas neste municipio no Rexistro de demandantes de Galicia no momento en que se abriu o
procedemento.
Trátase de vivendas unifamiliares, dotadas de tres dormitorios, cociña, salón-comedor, aseo e
baño, ademais dun rocho e zona cuberta para aparcamento. A superficie útil de cada unha é de 90,98
metros cadrados.
As seis novas vivendas foron construídas con módulos prefabricados montados na parcela na que
se asentan e contan con eficaces instalacións de illamento que permitirán reducir o gasto de
calefacción.