• A responsable autonómica salienta a importancia para o sur da Comunidade deste ámbito
empresarial, que coa súa posición estratéxica e as condicións vantaxosas de acceso ás súas parcelas
atraerá novos asentamentos industriais a esta zona
• Segundo o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, o prazo para que as
empresas presenten as súas ofertas ante o IGVS remata o vindeiro 31 de agosto
• Xunta e patronal analizan tamén a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas
empresariais, que afectará directamente a sete concellos de Pontevedra
• Os cambios nos que se está a traballar permitirán incorporar preto dun millón de metros
cadrados á planificación de novo solo empresarial nesta provincia
Vigo (Pontevedra), 3 de xuño de 2021.-
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocou hoxe unha poxa pública para sacar ao
mercado a prezos competitivos case 280.000 metros cadrados repartidos en 39 parcelas na Plataforma
Loxística e Industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan), unha superficie á que poderán
acceder as empresas interesadas tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles
Vázquez, que tras reunirse cos presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel
Vieites, e da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, salientou a importancia
desta nova poxa pública sobre a Plisan, a maior área empresarial do sur da Comunidade e promovida
pola Xunta, Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que é a segunda vez que se comercializa solo na área
loxística empresarial da Plisan e que ao igual que na poxa convocada no ano 2019 —que se resolveu
coa adxudicación de cinco parcelas— os prezos de venda serán “moi competitivos” co fin de facilitar
ao máximo novos asentamentos empresariais.
“Conseguimos entre todos que salga solo a prezo bonificado na Plisan, tal e como vén
establecendo a Xunta desde fai un tempo. É unha demanda que facemos a todos aqueles sectores do
ámbito público que están desenvolvendo áreas empresariais, porque estas deben ser accesibles para
os empresarios”, asegurou a conselleira tras a reunión, na que participaron tamén varios
empresarios da provincia.
Así, explicou que na convocatoria deste ano o prezo base de saída do solo oscila entre os
53,21 €/m2 das parcelas de máis de 20.000 m2 e os 71,71 €/m2 do resto, unhas contías na liña dos
prezos bonificados do solo empresarial da Xunta e que atribuíu ao traballo intenso realizado para
comercializar a superficie dispoñible na Plisan a prezos competitivos.
Ademais, en caso de optar polo acceso en dereito de superficie —unha modalidade de
adxudicación a cambio dun canon anual moi reducido e con opción de compra— o prezo mínimo fixado na
poxa deste ano é de 0,79 €/m2.
Segundo o anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, as empresas interesadas en acceder
ao solo da Plisan poden presentar as súas ofertas desde hoxe e ata o vindeiro 31 de agosto. En
todos os casos deberán facelo por carta certificada a través das oficinas de Correos e dirixindo a
documentación requirida aos servizos centrais do IGVS, en Santiago.
Modificación do Plan sectorial de áreas empresariais
A reunión entre a conselleira e os representantes da patronal tamén permitiu analizar o
alcance que terá para Pontevedra a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas
empresariais de Galicia (PSOAEG) na que traballa actualmente a Xunta.
Tras indicar que o IGVS está xa redactando o borrador do novo documento coa previsión de que
poida iniciar a súa tramitación ambiental no mes de xullo, Ángeles Vázquez explicou que o que se
busca é “reaxustar” ámbitos previstos que actualmente presentan problemas de viabilidade e ao mesmo
tempo, atender as solicitudes municipais con relación ao desenvolvemento de novas áreas
empresariais nos seus territorios.
No caso concreto da provincia de Pontevedra, indicou que a revisión do PSOAEG beneficiará
directamente a sete concellos e á súa área de influencia, incorporando preto dun millón de metros
cadrados á planificación de novo solo empresarial na provincia que non están contemplados no
documento vixente.
Entre as novidades máis destacadas que se introducirán coa actualización do plan, referiuse á
ampliación en case 162.000 m2 da superficie prevista do parque empresarial de Toedo, na Estrada; á
inclusión no plan dun ámbito novo de preto de medio millón de metros cadrados que permitiría
ampliar A Veigadaña cara ao concello limítrofe de Redondela; á ampliación do polígono vigués de
Balaídos en máis de 166.000 m2; ou á delimitación dun novo solo empresarial de preto de 145.000 m2
en Mondariz.
Cómpre lembrar que esta é a segunda vez que a Xunta modifica o PSOAEG desde a súa aprobación
no ano 2014. Así, ao igual que ocorreu coa revisión acometida en 2018, o obxectivo é adaptar o
máximo posible o contido do plan ás necesidades reais de solo industrial de cada zona de Galicia,
co fin de que dispoñer dunha ferramenta de planificación útil e actualizada que se adapte á demanda
de superficie para usos industriais existente.
Por último, conselleira e patronal tamén falaron sobre a futura Lei de áreas empresariais de
Galicia, da que a Xunta xa conta cun texto articulado e para cuxa elaboración, indicou Ángeles
Vázquez, quere contar coa “opinión” e o “traballo” do tecido empresarial galego