Santiago, 21 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia decidiu incluír 1 millón de
metros cadrados de solo empresarial da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan) na
modificación prevista do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.
Así o ratificaron o Goberno galego e os outros dous promotores da Plataforma —Autoridade
Portuaria de Vigo e Consorcio Zona Franca de Vigo—, na reunión da comisión de seguimento celebrada
esta tarde.
Os tres socios coincidiron en que, con esta decisión, se facilita a programación de reservas
de solo no sur de Galicia, o que permitirá ofertar terreo a aquelas iniciativas que demanden
superficies de grande extensión.
Así, Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca consideran convinte sumar este ámbito —c
orrespondente integramente ao concello das Neves— no instrumento base de planificación de solo
industrial vixente na Comunidade, xa que é unha ferramenta de planificación útil e actualizada que
se adapta á demanda de superficie para usos industriais existentes.
Trátase da segunda ocasión na que modifica o Plan sectorial, aprobado no ano 2014. O
obxectivo do Instituto Galego da Vivenda e Solo é de que este novo documento poida iniciar a súa
tramitación ambiental no mes de xullo, coa previsión de que afecte ao redor de 7 millóns de metros
no conxunto da Comunidade.
Neste ámbito, que xa conta neste momento con preto de 1 millón de metros cadrados en marcha e
2 millóns pendentes de urbanizar, xa se investiron 16 millóns de euros, polo que é imprescindible
poñelo en valor, adoptando todas as medidas previstas para a súa programación e incorporación como
solo produtivo. Así, co millón que se acordou incorporar hoxe, a Plisan pasará a contar con 4
millóns de metros cadrados de superficie total.
Por outra banda, cómpre lembrar que este mesmo mes, o Instituto Galego da Vivenda e Solo
convocou unha poxa pública para sacar ao mercado a prezos competitivos case 280.000 metros cadrados
repartidos en 39 parcelas da mesma zona, unha superficie á que poderán acceder as empresas
interesadas tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie.
Na convocatoria deste ano, o prezo base de saída do solo oscila entre os 53,21 €/m2 das
parcelas de máis de 20.000 m2 e os 71,71 €/m2 do resto, unhas contías na liña dos prezos
bonificados do solo empresarial da Xunta. As empresas interesadas en acceder a este solo poden
presentar as súas ofertas ata o vindeiro 31 de agosto.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que se
trata dunha área cunhas condicións exteriores óptimas e un futuros espazos estacionais que a
converten nun ámbito cunha conectividade única no sur de Galicia. “Para a Xunta estas
circunstancias non se poden obviar e parece lóxico aproveitalas co fin de poñer en valor a maior
superficie posible”, explicou a conselleira.
Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que “As Neves e
a área de Vigo levan tempo esperando esta decisión, que permitirá que no principal pulmón de chan
empresarial de Galicia se asenten grandes proxectos”.