Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta remata en Cerdedo-Cotobade a rehabilitación dunha decena de antigas vivendas de mestres que se destinarán a alugueiro social

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 16 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de finalizar en Cerdedo-Cotobade a rehabilitación dun total de dez antigas vivendas de mestres que a partir de agora se destinarán a alugueiro social e ás que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou un millón de euros.

A conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Jorge Cubela, supervisaron esta mañá o resultado das obras, que finalizaron esta mesma semana. “A partir de hoxe, Cerdedo-Cotobade conta cunha decena de vivendas máis que se destinarán ao alugueiro en condicións vantaxosas para familias con baixos recursos económicos”, subliñou a representante autonómica.

Cómpre lembrar que nunha primeira fase xa se rehabilitaran dúas destas vivendas, xa entregadas aos seus adxudicatarios en réxime de aluguer, polo que nos últimos meses se levou a cabo a recuperación das oito restantes. Nese sentido, destacou que o IGVS xa fixo o sorteo de adxudicación destas vivendas e agora está a comprobar a documentación dos futuros inquilinos, co fin de entregar as chaves canto antes.

A conselleira detallou que se rehabilitou o exterior das fachadas coa mellora da eficiencia enerxética da envolvente e das instalacións; completouse a instalación eléctrica cunha bomba de calor; ampliouse e acondicionouse o interior das vivendas —pintado, cableado, carpintería, etc.—; dotouse de mobiliario e electrodomésticos ás cociñas; e acondicionáronse os patios cunha zona cuberta ou un local para lavadora, así como a maquinaria de calefacción e auga quente.

Trátase de inmobles adosados, situados nunha parcela de máis de 1.000 m2, de planta baixa e primeiro, cunha superficie construída de 102,62 m2 cada un. Ademais, Ángeles Vázquez engadiu que se atopan “moi ben situadas”, ao estar próximas á escola infantil, o parque infantil ou o cuartel.

Aproveitando a visita, a conselleira lembrou que Cerdedo-Cotobade recibiu en 2020 unha axuda de 192.000 euros para recuperar catro vivendas de titularidade municipal e obtivo outra de 30.000 euros para actuar en tres en base ao programa de infravivenda. Así mesmo, recibiu unha subvención de 900.000 euros para instalar cinco inmobles de madeira prefabricados.

“Polo tanto, a Xunta destinou ao redor de 2,2 millóns de euros en materia de vivenda neste concello pontevedrés, o que supón un pulo para que familias con baixos recursos accedan a un fogar en óptimas condicións”, concluíu Ángeles Vázquez.