• Ángeles Vázquez fixo balance das axudas concedidas ao abeiro dos programas de inmobles de
titularidade municipal e de infravivenda, cos que se achegan case 2 millóns de euros entre os
concellos beneficiados
• A través da convocatoria de 2021 destas liñas, o Goberno galego concedeu incentivos para
recuperar un total de 28 vivendas na provincia de Ourense
Cartelle (Ourense), 20 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de resolver as
axudas de dous programas de rehabilitación, dirixidos aos concellos, que permitirán a recuperación
de case 70 inmobles en 32 municipios galegos, e que recibirán preto de 2 millóns de euros en
subvencións autonómicas.
Trátase do programa para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, que na
convocatoria deste ano se resolveu coa concesión de axudas a 25 concellos, por un importe de 1,7
millóns de euros, cos que colaborar na rehabilitación de 47 vivendas. A segunda liña resolta, a de
infravivenda, concede 9 subvencións que suman un importe de case 280.000 euros e que permitirán a
outros tantos municipios recuperar 21 inmobles.
“En definitiva, as axudas converteranse no futuro fogar de preto 70 familias”, salientou a
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou este mediodía
dúas antigas vivendas de mestres —agora chamadas de titularidade municipal— que foron recuperadas
no concello ourensán de Cartelle.
Do total, 24 vivendas serán rehabilitadas a través da convocatoria de 2021 deste programa de
vivendas de titularidade municipal e están situadas na provincia de Ourense, unha delas
precisamente en Cartelle e o resto na Veiga (8), Riós (2), Trives (1), Taboadela (3), Os Blancos
(2), Ramirás (1), Lobios (2), Porqueira (1), Cortegada (1) e A Merca (2).
Mentres, na provincia da Coruña as axudas foron concedidas a Santiso (1 vivenda), Curtis (2)
e A Baña (2); na provincia de Lugo, a Alfoz (1), Sarria (5), A Fonsagrada (2), O Corgo (1),
Paradela (2), Sober (1) e Mondoñedo (1); e, na provincia de Pontevedra, a Dozón (1), A Lama (2),
Forcarei (1) e Crecente (1).
No caso das axudas de infravivenda, irán destinadas a Coristanco (1 vivenda), Trazo (3),
Cervantes (1), A Veiga (2), Carballeda de Avia (2), A Lama (3), Moraña (3), Fornelos de Montes (1)
e As Neves (5).
A conselleira salientou que ambas liñas de axudas teñen un dobre beneficio: o de facilitar un
fogar digno ás persoas que o necesitan e o de recuperar unha zona degradada, dotala de vida e
enchela de xente que quede a vivir nestas localidades máis pequenas.
Tendo en conta eses dous retos, a Xunta non pode deixar de lado aos municipios que queren
mellorar o seu parque público de vivenda; polo que con estes incentivos se evita que os concellos
asuman o 100% do custo dos traballos para recuperar inmobles que, en cada caso, requirirán renovar
as cubertas, cambiar carpinterías exteriores, rehabilitar fachadas e acondicionar os accesos, entre
outras actuacións.
Cartelle, exemplo de afán pola rehabilitación
Aproveitando a visita, Ángeles Vázquez felicitou aos responsables do Concello de Cartelle
porque, grazas a acollerse ás axudas para vivendas de titularidade municipal, recibiu 80.000 euros
e puido acometer as actuacións de rehabilitación de dúas vivendas de 60 metros cadrados.
A conselleira puxo a Cartelle, un concello de algo menos 3.000 habitantes, como “exemplo” do
afán pola rehabilitación, posto que xa en anteriores anualidades xa recuperara grazas a estas
axudas unha vivenda por importe de 185.000 euros e, ao abeiro da convocatoria de 2021, investirá
nun antigo inmoble cunha achega da Xunta de 40.000 euros.