• Ángeles Vázquez sinala que o Goberno galego está de acordo co reparto, pero os prazos e os
requisitos esixidos aos beneficiarios non son asumibles nin para eles nin para a Administración
autonómica
• Incide en que é contraditorio habilitar fondos para a recuperación, pero que o acceso aos
mesmos sexa pouco atractivo e implique un maior esforzó
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia solicita ao
Goberno central que reconsidere, e modifique, as condicións que se fixan nos programas de vivenda
dos fondos europeos de recuperación económica, porque a súa aplicación será complicada e pouco
atractiva para os posibles beneficiarios.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá
de forma telemática na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, acompañada polo director
xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.
Este primeiro encontro coa nova ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel
Sánchez, serviu para trasladar unha vez máis o acordo da Consellería co reparto dos fondos, dos
cales a Galicia lle corresponden 94,5 millóns de euros. Non obstante, salientou que as bases e
condicións polas que se rexen os programas non serán de interese nin serán demandados por parte dos
potenciais solicitantes.
Nese sentido, concretou que un aspecto fundamental a corrixir é a contía das axudas que
chegarán aos beneficiarios, “escasas, reducidas e sometidas á tributación fiscal”; polo que a
priori non son un incentivo para fomentar a participación e acceso aos fondos, que deberán facer un
esforzo maior para levar unha actuación subvencionable.
A modo de exemplo, indicou que unha persoa que decida levar a cabo unha actuación para un
aforro enerxético poderá acceder a unha axuda de 4.800 euros, mentres o solicitante terá que
achegar uns 12.000 euros. “Estas non van ser unhas axudas que queiran os galegos, porque se
diminúen ata nun 50% as contías que antes tiñamos preestablecidas para rehabilitación”, sinalou a
conselleira.
Na súa opinión, “non ten sentido falar de fondos de recuperación cando se poñen tantas
dificultades, condicións e requirimentos” para a execución dos mesmos, que “o único que motivan é
que as persoas, que vén un atractivo nesa axuda, avancen un paso cara a atrás no seu obxectivo”.
Así mesmo, advertiu que as contías non son o único elemento desalentador, tamén o son os
prazos para a execución dos fondos. Indicou que o presente exercicio “xa é case un ano perdido” e,
tendo en conta que no 2023 deberán estar aprobados os compromisos de gasto dos fondos asignados, “o
horizonte que resta para a materialización dos fondos é claramente insuficiente e non permite
perder nin un só día máis do prazo dispoñible”.
A conselleira de Medio Ambiente reiterou que esta postura é compartida co sector e os
expertos. A Xunta mantivo un contacto permanente cos membros do Observatorio Galego da Vivenda e
das oficinas de rehabilitación das ARI, para analiza e coñecer a súa opinión, co fin de achegar
aquelas consideracións que redunden nunha efectividade e viabilidade na aplicación das medidas,
como as trasladadas esta mañá.
“Atopámonos ante unha situación única para reactivar a economía, pero o Ministerio fai unha
serie de esixencias que van repercutir directamente sobre o solicitante e por iso lle pedimos que
reformulen as axudas. España non pode perder esta oportunidade”, concluíu Ángeles Vázquez.
Por todo o exposto no relativo á escaseza de fondos para os beneficiarios e á dificultade da
súa aplicación, o Goberno galego optou por absterse na votación do acordo de distribución.